marzo2007
10 decembro 2007Friday, March 30, 2007
Caroucas e kiwiños
Pois si. Tódolos días hai novidades e apréndense outras cousas. Por exemplo, hoxe o Leo comeu fruita por primeira vez; plátano pasado por batidora con laranxa exprimida. E eu oín por primeira vez a palabra carouca que en Arbo chaman así á vacaloura ou escornabois e no Porriño é carroucha. E tamén coñecín o kiwiño: unha variedade de kiwi de fruita pequena e pel sen pelo e comestible, que madura en agosto e resiste as xiadas. Ah, por certo: nós dicimos quibis e en Madrid din quigüis.
Thursday, March 29, 2007
Galicia nos gusta
A publicidade non ten límites: que terá que ver Galicia cunha aseguradora ?. O día que me pregunte o Leo cousas así vou quedar sen palabras.
Labels: curiosidades
Wednesday, March 28, 2007
Bandeira dos xitanos

Onte fun facer a revisión médica para a nova empresa e tocouma facer nun edificio peculiar de Vilaguindastre. E dirás: que ten de peculiar o edificio da foto ?. Pois se amplías a foto podes ler o nome de edificio que non é outro que o edificio ” Cristo vive ” e nunha parede a bandeira do pobo xitano que ten unha franxa verde representando a terra aberta e outra franxa azul representando o ceo que son as únicas fronteiras que recoñece este pobo viaxeiro. Outro símbolo dese pobo é a roda do centro que representa a mobilidade desta etnia. Dende logo que se hai un concurso de bandeiras simbólicas creo que esta leva o premio.
Labels: curiosidades, vilaguindastre
Monday, March 26, 2007
Seis meses
Hoxe fomos ó pediatra para a revisión dos seis meses de Leo. Mentres non entrabamos estivemos “lendo” libros que hai alí para uso dos pequenos mentres non entran. O Leo choroulle ó enfermeiro e á pediatra porque parece que empeza a extrañar e ademáis tiña soniño o naipelo. E os resultados estiveron mui ben: está grande coma un neno dun ano e repoludiño e a pediatra aconsellou que se lle empezase a dar fruita e algúns vexetais para deixar de ser naipelo cen por cen. Tamén aconsellou sentalo no chan que ten que sentarse e manterse así el só. Os dentes aínda non lle apareceron pero pode ser que anden por aí que ás noites protesta bastante. E agora semella un estranxeiriño cos seus “ijlidij”, os seus “eak-eke” e os seus chasquidos de lingua estilo bosquimano. Tamén quere agarrar todo o que estea ó seu alcance incluido o Colín.
Bueno, que o Leo vai ben e ledo.
Labels: leo
Sunday, March 25, 2007
Misses
Hoxe quería mirar a serie Aída que río muito con Luisma, o irmán zumbado pola droga. Pero non pode ser. Están coa elección de miss España e van botar tempo abondo e é difícil a elección. Eu penso que desfila unha miss e pega a volta e cambia de cinta co nome doutra provincia e volve desfilar. Como vai por orde alfabética a primeira é miss A Coruña e de momento segue.
Por certo: alguén coñece o Banco Máis da foto ?.
Labels: curiosidades
Thursday, March 22, 2007
Día da auga
Enteirome por aí de que hoxe é o día mundial da auga e, por casualidade, leo nun libro de Vázquez Figueroa que andaban os españois do século XVI na busca da illa Bímini, onde dicían que estaba a fonte da eterna xuventude. Xa había picaresca daquelas e había xente que vendía falsos mapas sobre a localización desa fonte. Con picaresca ou non, os españois buscábana pola península da Florida pero seica algúns científicos actuais topárona no Himalaia onde a xente dunha tribu chega ós 120 anos sen dificultade gracias a unha auga alcalina. E agora en Miami ( ó final vólvese á Florida ) estana embotellando para vender.
Eu , francamente, non quero chegar ós 120 anos así que procuro beber auga de forma rebaixada… a ser posible en forma de viño ou cervexa.
Labels: curiosidades
Tuesday, March 20, 2007
Shinchan en Vilaguindastre
Nestes días de paseos familiares descubrín un dos maiores misterios do mundo da televisión. Que foi feito de Shinchan ?. Pois Shinchan logo de deixar a tele galega medrou, quixo conducir pero non deu aprobado e mercou un coche deses sen carnet e agora traballa de albanel nunha obra en Vilaguindastre.
Labels: curiosidades, personaxes
Monday, March 19, 2007
O Corpoaberto
O mércores acabo o contrato na empresa e recollerei as miñas cousas e despedireime dos compañeiros: Nonfalades, Mecaghoncrista e outros como ” O Corpoaberto “. Este tal é un rapaz ben normaliño: dezaoito anos, longo e delgado coma un asubío. Ten un coche de cor agresiva e cheo de pegatinas de rallye e co escape escandaloso. Ata aí todo normal. O que ten de extraño ou fóra do común é que foi un corpo aberto muito tempo. O corpo aberto é unha persoa que ve mortos e pode predecir mortes e así el contoume de ver coroas de flores con nomes de xente que non coñecía e de ver rostros en camiños, muros e portas. Os pais quixeron tirarlle ó fillo esta habilidade e lévarono a unha meiga que lle rezou un esconxuro e lle pendurou unha cadea no pescozo cunha chave de prata bendecida e así deixou de recibir mensaxes e visións de ultratumba.
Semella incrible que nesta época tan tecnolóxica aínda sobrevivan estes asuntos tan antigos e esotéricos.
Labels: personaxes, traballo
Sunday, March 18, 2007
Lecturas na baixa
Onte tocábanos embotellar porque está a lúa minguante e seica é bo para embotellar pero non fomos por culpa da miña baixa. Pero estar de baixa ten as súas cousas boas: teño ” quality time ” para estar con Ana, Leo e o Colín e podo ler cousas que tiña apartadas. Gustoume o libro de Diego Ameixeiras ” Tres segundos de memoria ” que semella un diario ou un blogo e ten frases que me fixeron rir. A que me gustou muito foi a que di: ten menos futuro ca un submarino descapotable.
Xa ves que non perdo o humor e que vou millorando do susto.
Labels: arbo, etnografia, literatura
Thursday, March 15, 2007
Accidente no choio

Como non todo son flores, primavera e cousas bonitas; hai acontecementos que non son moi alegres. Pasou o luns coma se tal cousa, chegou o martes trece e trascorreu sen novidade e logo veu o mércores e á tarde tiven un susto na fábrica que puido ser grave. Estaba eu descarregando un bloque de granito xa cortado en pranchas e trataba de enganchar o casqueiro; a parte exterior e sobrante do bloque; cando partiu e caiume un anaco enriba. Foi unha imaxe fugaz e difusa, algo gris que se se me botaba enriba e me golpeaba. Pilloume de raspallón e marcoume o pescozo e o ombreiro, arrincoume o casco e tiroume ó chan. Ó final todo foi un susto que quedou nunha inchazón por detrás da orella, o ombreiro esquerdo raspado e o brazo dereito con varias feridas dende o pulso ata o cóbado resultado da caída. Fixéronme placas e non teño nada roto e agora estou de baixa. Ó final Ana tiña razón ó ter medo de que me pasase algo neste traballo e alédomonos de que deixe este emprego para a semana que vén.
Labels: traballo
Sunday, March 11, 2007
Flores amarelas
Hoxe fomos a Arbo e facía un día primaveral e soleado. Hai muitas flores de cores variadas como as brancas das ameixeiras, as violetas pequenas dos pexegueiros, as camelias e as magnolias lilas na súa maioría. Logo hai flores silvestres pequenas pero coa cor amarela con predominancia.
A primeira flor é a ceruda que ten un líquido amarelo dentro do talo e que se empregaba para sandar problemas de pel.
A segunda é o pampillo que vale para facer liñas nas alfombras de flores do corpus e para encher…cando non se empregan as flores da mimosa que son amarelas tamén.
A terceira foto pertence ó mexacán, unha flor amarga que dicían que atraía os cans para mexar nelas e daí vén o nome.
E a última é a chorima, a flor de toxo, que muita xente quería facela emblema de Galicia.
E non sei se debería ser a flor emblema de Galicia pero está claro que ten que ser unha flor amarela.
Thursday, March 08, 2007
Homaxe a Carlos Casares
No ano 2000 tiven ocasión de asistir a unha charla de Carlos Casares en Vilaguindastre. Había un feixe de estudiantes de instituto supoño que “forzados” a asistir á charla, tres ou catro señoras e eu. Ó primeiro os rapaces tiñan cara de aburridos pero Carlos Casares nin se inmutou e seguiu co sorriso que traía. Empezou a contar como cando neno escribiu para un concurso no colexio, como escribiu un conto para o fillo dunha amiga e logo publicáronllo, como coñeceu á súa muller no tren que a levaba á Coruña e el convenceuna de ir a Santiago, da casualidade de sentarse xuntos e de saber inglés os dous; el galego e ela sueca, etc.
Enfin, que Carlos Casares era un chorro de palabras sinxelas e boas e logrou meter no saco a toda a mocidade que asistía ó acto. Eu logrei falar co el á saída da charla e asinoume o folleto da foto que eu, de parvo, esquecera levar algún libro dos seus. Con vergonza, ruborizado e tatexando deille un papel cunhas palabras que recollín e que non saían en ningún dicionario para que el quedase de gardián delas.
E pasou o tempo e morreu de súpeto…Ou non ?. Eu sei dun gasolineiro que ten a súa cara cuspida. Calquera día collerá o bolígrafo e deixará de asinar albaráns e porase a escribir á marxe do choio de cada día. Que así sexa.
Este posteo invitado a escribir por Marcos adícollo á Mariquinha de Vedra que nunha ocasión comparoume con Carlos Casares e sentinme realmente gabado.
Labels: interrede, literatura
Tuesday, March 06, 2007
Falsas apariencias
Estes días estou traballando con “Nonfaledes” e sempre temos momentiños de parrafeo. Onte falamos das situacións cando a xente pensa que un é un delincuente. A min pasoume un par de veces: en Londres nunha tenda o segurata perseguiume pensando que eu ía ghispar algo. Eu seguín o xogo e fixen como que quería levar algo ata que cansei do xogo e marchei da tenda. Outra foi en Tui que me coincidiu cunha señora por unhas ruelas solitarias e ela debía de pensar que quería roubarlle o bulso que o amarraba e aceleraba o paso. Así seguimos un rato ata que os nosos destinos fixo separarnos.
A “Nonfaledes” pasoulle tantas veces que perde a conta. O máis grave que lle pasou foi nunha ocasión que tiña presa e corría por Vigo. Dous policías foron detrás del e ó final un púxolle a pistola no sen da cabeza. Como para mexar por un. O policía díxolle que non lle dispararon na carreira porque había xente polo medio.
E na foto está Paideleo no carné de bus de Londres hai anos. Non me extraña que co esa pinta a xente desconfiase de min !.

Labels: personaxes
Monday, March 05, 2007
Lenda romana das lampreas
Onte houbo unha celebración familiar e houbo lamprea para comer. A lamprea é un becho raro que parece unha becha e que me gusta que non ten espiñas nin escamas. A lamprea vive do sangue doutros peixes e daí creouse a lenda de que os romanos lles botaban escravos ás lampreas para alimentalas. Isto contoumo miña sogra e non puiden evitar buscar esta noticia en internet: os romanos non botaban escravos ás lampreas senón ás morenas.
Labels: lendas
Friday, March 02, 2007
O Mecaghoncrista II
Nada é inmutable e o famoso “Mecaghoncrista” xa non parece Curro Jiménez e semella máis o Don Limpo. Resulta que ( segundo el ) tivo unha pelexada na súa cachola entre o peite de 3000 euros que o pousaba e peiteaba so e as súas guedellas e cortou o pelo polo pé para dar remate á pelexeira. Xa desistiu de conseguir unha bufanda filla da bufanda que lle gustaba porque a bufanda non está preñada e matina el se a bufanda non será bufando. Agora gústalle un gorro de la que trae o tal da bufanda e sempre llo pide anque sexa so unha voltiña. E non perdeu a imaxinación co rape do pelo que conta historias de veciños que enterran sapos nos pés das videiras doutros veciños con quen non se levan ben para que sequen as videiras.
E mañá contará algunha máis.
Labels: personaxes














































