Arquivo de 'Sen clasificar'

decembro2007

10 xaneiro 2008

Sunday, December 30, 2007

Sinterklaas

Pois si. Este ano descubrín que Santa Claus ou Papa Noel nun principio viña de España. Si. Incrible pero certo. Explícome. En Holanda existe Sinterklaas que é San Nicolás e vén de España nun barco de vapor acompañado dun cabalo branco e un axudante negro chamado Pedriño O Negro que é o encarregado de baixar pola cheminea para deixar os agasallos ou meter nun saco o neno que se portou mal.

Descubrín isto gracias á Rifenha e pódelo comprobar aquí.

E logo hai outros que falan de trineos que voan…

Labels: ,

Friday, December 28, 2007

Ghali-ghali

Hai varios tipos distintos de inocente e un tipo é o do típico home solitario que vive en malas condicións e que acostuma ser pobre, ignorante e carregar coa mala sorte toda a súa vida ata a morte.
Un exemplo pode ser o Ghali-ghali ou señor Benito. O home vivía nunha casa vella acompañado do seu sobriño. Estivera na guerra civil e contaba que os mouros do exército de Franco atacaban berrando Ghali-ghali e daí tirámoslle a alcumada. Tiña unha vaca que daba pena e que alimentaba nas cunetas da estrada acompañada de catro ovellas e un par de años. Chamaba lulues aos cans pequenos dos pisos. Tiña unha boina suxa encasquetada ata as cellas e unhas barbas de demo. Foi safando malamente a vida dura e morreu vello.
Pior sorte tivo o sobriño que seguiu vivindo na casa cuidando dos animais e sufrindo ameazas e malleiras dun noivo dunha sobriña. A xente non lle facía caso por borrachuzas ata que o noivo da sobriña se ultrapasou coa malleira e acabou matándoo dentro do bocoi onde durmía porque tiña medo de durmir na cama.
Estes son dous inocentes que tiven por veciños. Non poseo ningunha foto deles pero esta foto de Massengill de Four Oaks en Carolina do Norte lémbrame ao Ghali-ghali.
Vaia este textiño como xeito de homenaxe a estas dúas persoas e que a vida sexa máis levadeira para tódolos inocentes do mundo.

Labels: ,

Thursday, December 27, 2007

Quince meses

video

O Leo fixo hoxe os quince meses. Camiña solto sen grandes problemas pero aínda non fala. Segue cos seus oito dentes pero ten moas a punto de sairen coas enxivas inflamadas. Antes, cando lle nacían as moas ao bebé as nais púñanse de luito da dor que sentían os nenos. O Leo hai veces que mete as mans a fondo na boca e muitas veces non come ou dorme mal e precisa que o ” aghalimen “, como din por Arbo; que o collan no colo ben apretadiño contra o corpo. Xoga ó coito ( como lle chamaba eu de pequeno a xogar ao ” escondite ” ) pero non sabe e achántase no mesmo lugar sempre. Tamén gusta de imitar á xente e unha imitación que nos fai gracia é a de falar polo móvil. O Leo colle o móvil de calquera xeito e arrímao á orella e fala no seu idioma extraterrestre, como di o seu curmán D. No vídeo pódese ver a imitación.

E iso é todo. Estes días ando liado e case non podo postear.

E finalizo cunha nota de carácter social e unha das razóns polas que non me gusta o fútbol; hoxe ” desfrutamos ” en Vigo da afección galega de fútbol ocupando a rúa e queimando contedores de lixo.

Ata a próxima.

Labels: , ,

Monday, December 24, 2007

Boas festas

Na casa do Leíño non caiu a lotaría pero se estivemos vivindo sen eses cartos ata o de agora, poderemos seguir sen eles outro ano, non si ?.

Boas festas.

Labels:

Thursday, December 20, 2007

Historia de Balbino

Balbino tivo moitos irmáns; algúns maiores e outros máis pequenos e non todos chegaron aos dez anos. El era vivo e tiña un don especial cos animais que semellaba que lle facían caso. Medrou con dificultades no medio dun ambiente pobre pero conservando unha forma de ser leda e unha forza de vontade enorme. Falaba moito e era botado para adiante. Cando chegou o momento da guerra civil creu os cantos de serea que falaban de patria, orgullo e orde. Non tiña dezaoito anos, mentiu na idade e meteuse vontario. Non destacaba especialmente pero ía dos primeiros aos sitios máis perigosos e así foi coa División Azul a terras rusas, a terras inimigas en mans de demos. Nese momento mandou esta foto para tranquilizar á familia dicindo que estaba na cruzada especial para redimir os comunistas. Non lle foi ben nin a el nin ao seu exército e o inverno, as distancias, as traicións foron calamidades que foron liquidando ós poucos ou ós moitos a División Azul. El caeu enfermo e deixárono atrás dándoo case por morto. Houbo un ataque do inimigo e el matou a un rapaz coma el pero do outro exército. Era el ou o outro e salvouse el. Víase moi mal e mudou o seu uniforme polo do inimigo por seguridade e para ter calor e caeu inconsciente. Cando espertou estaba rodeado de xente de rasgos asiáticos como lembraba nun dos poucos libros que viu diante. Falaban extraño pero amigable e levárono nun trineo tirado por renos. Acollérono no seu poboado de tendas de peles e botou unha tempada repóndose das enfermidades e das feridas de guerra. Aprendía rapidamente o idioma dos Nenets que o acolleron e recuperou a vida e as súas forzas. Coa chegada da primavera tocou mudar de lugar e seguiu co esa xente acolledora e sinxela. Balbino era forte e foi adiante. Aprendía rapidamente os costumes do pobo que o acolleu e a súa forma de vida que xiraba ó redor da caza, da pesca e cría de renos. A vida bulía e xurdiu o amor entre Balbino e Enej Ja que casaron seguindo os ritos Nenets. Balbino e a súa xente viviron felices uns anos pero chegaron compañías petrolíferas e madereiras ao paraíso Nenet. A súa xente foi discriminada na súa propia terra e tiveron que marchar. Cruzaron a Siberia en dirección leste durante un longo periodo de tempo loitando contra os pobos cos que se cruzaban e pasando calamidades. Cando chegaron ao mar decidiron deter o seu camiño porque toparon unha terra parecida á súa con xentes que os acolleron: os Even. Balbino empezaba a facerse vello pero era un mestre domando renos e construindo trineos. Ata que un día chegou un vello vestido de vermello que necesitaba un chófer para trineos experimentado…Pero isto xa é outra historia.

Labels: ,

Wednesday, December 19, 2007

O zapeo do Leo


Cando lle apagamos a tele ao Leo vai el e volve prendela dándolle nos botóns e así cambia de canais. Onte fíxoo e atinou coa escolla para o meu gusto. Primeiro puxo a segunda onde falaban do nivel lector en España que é o último país da comunidade europea e extrañábanse de que os países do leste leran máis. Logo o Leo deulle ao botón e saiu Antena 3 onde falaban da Fala, unha variedade linguística do galego-portugués que se fala en Extremadura e que ten total vixencia na actualidade. Nas imaxes estaban nenos cantando unha panxoliña na escola e logo nenas xogando ás palmas cunha cantinela na súa lingua. Non sei: gustoume esa xente que consideran que a súa Fala non se debe perder e están orgullosos dela. Muitos galegos deberiamos seguir este exemplo non vaia ser que dentro de mil anos eles sigan coa súa fala e en Galicia xa non exista o galego.

Labels: , ,

Monday, December 17, 2007

Dúas boas cousas

Cos blogos un pode falar do que queira e tamén dar a coñecer iniciativas concretas. Hoxe é o día establecido para falar varios blogos do caso de Flavia, unha moza que leva muitos anos en coma por un defecto no sistema de succión da piscina. Se queres saber máis do caso podes consultar o blogo escrito pola nai de Flavia.
Tamén hoxe quero dar a coñecer a iniciativa dunha amiga que quere facer un blogo colectivo de xente relacionada co autismo. Se alguén quere axudar xa sabe onde dirixirse.
E iso é todo por hoxe, que non é pouco.

Labels:

Sunday, December 16, 2007

Reis magos VS Papa Noel

Non sei se é impresión miña ou non pero semella que este ano hai menos Papa Noeles agabeando polas fachadas das casas e ata hai en troques algúns Reis Magos coma os da foto. No centro comercial os comercios desexan Merry Christmas e a megafonía pon panxoliñas andaluzas e anglosaxonas e un mínimo de panxoliñas galegas. Nunha xoguetería de urxencias oín unha conversa entre unha señora e unha nena.

Señora: - A quen pediches os regalos, a Papa Noel ou aos Reis Magos ?.

Nena: - Aos Reis Magos, claro.

S.: - E por que ?.

N.: - Porque teñen máis cartos.

S.: - E por que teñen máis cartos ?.

N.: - Pois porque son reis.

Sabedoría infantil.

Labels: ,

Saturday, December 15, 2007

Vídeo duns primeiros pasos

video

O prometido é débeda e aquí poño un vídeo do Leo camiñando cun pequeno tombo sen consecuencias que levou ao final. Cousa lóxica cando un só leva oito días de experiencia nisto de camiñar sen axuda.

Pasa boa fin de semana anque sexa tan fría neste hemisferio.

Labels:

Thursday, December 13, 2007

Paquete de Nadal

Hoxe recibín o paquete de Nadal que dan na empresa. Aparte dos productos viña cunha nota onde explica a orixe dos paquetes de Nadal. Eu non sabía a historia e gustoume iso de empezar un ano novo con dóces.

Labels: ,

Tuesday, December 11, 2007

Gamberradas

Esta noite pasada levei un susto mentres paseaba a Colín. Oín un estoupido enorme que pensei que era unha canteira cercana pero extrañoume que fose de noite. Hoxe xa saiu na televisión dicindo que o da noite pasada foi unha gamberrada de tres rapaces. Pois vaia gamberrada !. Eu creo que foi unha animalada. Para min gamberrada pode ser escribir nas paredes e portas anque se escribes o da foto ata ten gracia.

PS: acabo de oír un petardazo agora mesmo, ás once e nove minutos da noite do día once de decembro. Sairá mañá nas novas ?.

Labels:

Monday, December 10, 2007

Xoguetes

Estes días ferve a televisión con propaganda de xoguetes: dende os máis sinxelos ata outros que son case inimaxinables. Un exemplo poden ser os peluches. Antes os peluches eran sinxelos e representacións de animais típicos coma cans, gatos, osos, coelliños e pouco máis; pero agora diversificouse a oferta de tal maneira que hai polbos e ornitorrincos. Eu pensaba que o ornitorrinco era un parrulo porque se apretas fai “cua, cua” pero é un ornitorrinco porque ten catro patas en vez de dúas patas e dúas ás. Iso si, os xoguetes semellan ser case todos da mesma marca: ” más de 30 euros “. Menos mal que os pais non son os que mercan os xoguetes…

Labels:

Sunday, December 09, 2007

Matanza


O día seis foi o día da matanza. Aquí vou tratar de relatar como se fai así que se es sensible deixa de ler aquí.

Para sacar o porco do cortello amárraselle unha corda cunha lazada polo fuciño aproveitando un momento que abra a boca. Entre varios homes puxan ao animal fóra agarrándoo polas orellas un e outros puxándoo polos costados. Cando está arrimado ao banco da matanza levántase o porco polas patas ata o banco onde se amarra con cordas. Cando o porco está tranquilo e ben suxeito o matachín crávalle o coitelo na gorxa mentres unha muller recolle o sangue cun balde e remexe o sangue para que non calle. A agonía dura pouco e logo toca baixalo ao chan enriba duns paus. Pónselle unha pedra na boca para que non a peche e toca chamuscarlle o pelo. Préndeselle lume a fentos secos que se distribúen polo corpo do animal. Logo fanse fachucos de colmo para chamuscar o pelo entre as patas e outras zonas onde non chegou o lume dos fentos. As cinsas apártanse cun fachuco feito de carrascos. Este momento é o ideal para soltar as uñas das extremidades. Logo toca lavalo que aquí facemos cunha hidrolimpadora pero que se facía antes cun cepillo e auga. Despóis dáselle un corte na cacheira dende a orella ata a boca. Cando escorre a auga toca colgalo cabeza abaixo. Ábrese pola metade e sácasenlle as tripas para lavar e tódalas vísceras. Déixase pendurado con loureiro para que non veña a vareixa. Ten que estar unhas horas para enfriar a carne.

No xantar cómese sangue fritido con mollo e azucre. Fálase da matanza e outros temas.

Pola tarde toca o despece. Primeiro córtase a cacheira e pártese en dúas metades. Cóllese un costado do porco cunha pata dianteira. Córtase a hombreira e asérrase a man aparte. Exprémese o lacón para que solte todo o sangue que se limpa cun pano. Do costado sae o raxo e os filetes. Tamén daí sae a carne para facer chourizos. O resto do costado que é touciño e pel coa metade das costelas apártase para salgar. Así faise co outro costado. Logo tócalle o turno ao carrelo todo que é a columna vertebral. A carroleira, que son as vértebras do pescozo, queda para a noite para guisar con arroz. Despóis tócalle o turno aos xamóns que tamén hai que expremerlles o sangue e apartalos para salgar. O rabo queda tamén para salgar.

Mentres as mulleres pican a carne para facer chourizos o matachín despeza e outros homes salgan os xamóns, a cacheira, os lacóns, os ósos de soá, os touciños e o rabo. Para salgar úsase salmoira que é sal mollado con cebola de frotar a carne. Os pedazos de carne póñense na salgadeira ou maseira separados e cubertos por salmoira.

A carne dos chourizos mistúrase con sal, pemento dóce e pemento picante. A cebola e o allo quedan para o día seguinte cando se lle dá outra volta á zorza. Aínda se lle dá máis voltas dous días máis antes de embutilos na tripa.

E xa non sei máis. Se queres saber máis aquí deixo esta ligazón e esta.

Labels: , ,

Friday, December 07, 2007

O Leo xa camiña !

video

Onte fomos a Arbo que tocou a matanza dos porcos que practicamente foi igual que a do ano pasado e ía facer un posteo co ela. Pero o que foi importante foron os primeiros pasos sen axuda do Leo pola casa de Arbo. Houbo un momento que se soltou das mans de Ana e botou a andar cos brazos en alto, mirando para as mans e abraiado de que ninguén o agarrase. Botou unhas andadas pola cociña e polo corredor con ida e volta. Había muitos espectadores e a festa foi grande. Aledámonos de que o Leo por fin se soltase. Agora toca andar atrás del máis atentos que antes.

Para celebralo poño un vídeo do Leo bailando cunha postal musical; de momento non teño vídeo do Leo camiñando.

Labels:

Tuesday, December 04, 2007

Descubrindo muiños

Onte dispoñía dun par de horas e decidín ir buscar zarrotas que foi o nome que aprendín para un tipo de cogomelos que xa comía o meu bisavó cando ía ás feiras de gando e botaba camiñando varios días e tiña que comer do que topaba polo camiño.

Bueno, que fun buscar zarrotas a un par de sitios que teño xa controlados e que non había nin a primeira. Así que ía dar volta co coche e mirei un cartel de muiños e parei. Víanse dous dende a estrada pero logo había máis nunha paraxe de postal de outono. Logo descubrín outro cartel e desta volta contei ata nove muiños aproveitando un regato costento. Todos estes muiños están restaurados pero non os traballa ninguén. Están a morrer como morren os fentos a medida que se aproxima o inverno. Lei de vida.

Labels: ,

Monday, December 03, 2007

Lotaría de Nadal

O outro día estivemos falando da lotaría e os seus premios e a ilusión que trae consigo. Eu non xogo a nada de quinielas, nin ONCE, nin lotarías, nin primitivas, nin bonoloto, nin nada. A única excepción que fago é cando é a lotaría do Nadal. Entón si que merco participacións sen muita confianza en que toque porque sei que vou morrer pobre de cartos. Hai xente que se pon triste se non lle toca un premio pero eu penso que o premio máis grande que podemos ter é o de que nos sobren cartos para mercar lotaría… O resto sobra.

Labels:

novembro2007

10 decembro 2007

Friday, November 30, 2007

Español de telenovelas


Onte tomei o bocata por primeira vez no bar enfrente da Torredocaminho. Cando entrei estaba a camareira soa e arrimada á estufa de leña e mirando a tele. Ergueuse, saudeina e pregunteille de que había bocadillos. Ela recitou con acento estranxeiro unha lista pequena e eu escollín. Despóis de comer o bocata pregunteille de onde era e díxome que romanesa e que levaba dous meses aquí. Díxenlle que falaba español ben para levar só dous meses aquí e díxome que o aprendeu vendo telenovelas. Díxomo cunha candidez enorme e cun sorriso dunha rapaza optimista que mira o futuro sen medo. Desexeille sorte. Ela sorriu outra vez e dixo ” grasias “.

Alédome de que estea aquí: este país necesita xente así.

Labels: ,

Wednesday, November 28, 2007

Big bag

No traballo hai unhas sacas enormes de mil quilos. Chámanlles ” big bag ” en vez de chamarlles sacas grandes. Non sei porque teñen o nome en inglés se a xente descoñece o significado nin sabe como pronuncialo. Óese ” bicbac ” por aquí, ” biobá ” por alá, ” bijbaj ” por acolá e ata eu digo ” binbán ” de broma.

No inglés teñen un problema parecido coas palabras foráneas e así un barrio de Londres chámase ” elephant and castle ” ( na foto ) en honor a unha muller que era ” la infanta de Castilla “. Pero eu ademáis coñecín persoalmente un caso parecido cando facía sanduiches en Londres no ” Pret a Manger “. Un ingrediente dos bocatas veganos era a alfalfa que viña de España. Os ingleses na súa vida sentiran falar de tal ingrediente e etiquetaban os paquetes escribindo ” alfa alfa “…Supoño que así parecería un ingrediente máis nutritivo. Enfin…

Labels: ,

Tuesday, November 27, 2007

Catorce meses

O Leo fixo hoxe os catorce meses. Camiña agarrando unha man dun adulto ou agarrado a un dedo e exprémeos con forza. Aínda ten medo a soltarse a andar só pero calquera día sóltase. Iso si, agataña máis rápido ca un adulto e gústalle explorar. No falar segue sen dicir palabras aparte de ” mamamama ” e ” papapapa ” e non sempre. Dorme bastante ben en xeral e tamén come ben e aínda toma teta. Xoga co pan e chucha as patacas fritidas pero hai que darllo que el non os colle para comer. Ten oito dentes e bastante forza e xenio e encomódase se lle din que non a algo que quere facer ou tocar. Gústalle xogar e falar só e encántalle prender a televisión. Tamén baila movendo o cu con cancións. No baño protesta cando lle botan auga pola cabeza e hai veces que é unha pelexa poder mudarlle o cueiro.

Vamos, que o Leo segue indo para adiante ó seu ritmo.

Labels:

Monday, November 26, 2007

As crónicas de Gáidil

Este ano as pupieiriñas estiveron lixeiras e o Leo máis eu recibimos dous agasallos dos que deixan pegada. Un era un fermoso libro de Kalandraka coa historia dun osiño que vai para cama despois de cear e bañarse. E o outro é o libro de rol ” As crónicas de Gáidil “. Co que non contaba eu é que na páxina 61 aparecen Acedre e o seu fillo ” O León ” como habitantes de Grania. Este detalle produciume un arrepío e fíxome soltar algunha bagulla de ledicia: non tódolos días un pasa a ser inmortal ó convertirse en personaxe dunha obra escrita !.


Muitas gracias Breogán e Jan: sabedes chegar ó corazón.

Labels:

Sunday, November 25, 2007

Tartaravoa Mercedes

Hai días que hai sorpresas e onte foi un deses días. Puiden facer esta copia dixital da tartaravoa Mercedes que fixo esta foto co seu fillo maior para mandarlla ó seu home Pepe que estaba na Arxentina no ano 1912. Esta é a foto máis antiga que temos da familia e publícoa para pedir o fin da violencia entre homes e mulleres. Ó fin e cabo todos somos metade home e metade muller, nonsí ?.

Labels:

Thursday, November 22, 2007

O Cocheno

Esta chalana da foto non quere dicir que extrañe o verán que si o extraño. Resulta que esta chalana é de ” O Cocheno “: un velliño que está durmindo ou descansando debaixo da sombrilla na praia de Abra. Espera que suba a marea para puxar a chalana ata a auga e nunca lle faltan vontarios para puxala entre a xente que toma o sol. Chámanlle cocheno porque ten o reloxio na man dereita e usa a man esquerda para todo. Cocheno vén a dicir zurdán, esquerdeiro, manecho ou home que usa máis a man esquerda que a dereita. E lembrei a este home mirando ó Leíño puxando un coche de xoguete coa esquerda e pintando nos papeis cun lapis na man esquerda. Aínda é cedo pero pode ser que o Leo saia cocheno… O tempo xa o dirá.

Labels: ,

Wednesday, November 21, 2007

Manolo ” das cabras “

Pois si, as chivas espirran e moven a cola a unha velocidade tola. Quen pode saber muito das cabras é Manolo ” das cabras “. Ía levar un rabaño delas a pastar e cando estaba libre de traballos xuntábase cos rapaces. Sempre soltaba a cantinela de ” Cu, cu…tapa o cu. Cu, cu…tápao tu “. Pero aparte diso tiña dúas cualidades que o facían un superhome ós ollos dos rapaces inxenuos que eramos. Unha era que tiraba as pedras a unha velocidade que as facía zoar polo aire e outra era que era quen de meter a lingua polas ventas do nariz. Agora pasaron os anos e ata eu son capaz de lograr tales proezas. Quen sabe se eu tamén chegarei a ser unha especie de ídolo para algún rapaz incauto…

Labels: ,

Monday, November 19, 2007

Espirran as cabras

Parece mentira que ata hai ben pouco facía sol e bo tempo. Xa non facía calor pero había un soliño que convidaba a pasear. Hoxe empezou a chuvia desexada por muitos pero co ela veñen as catarreiras, toses e espirros. Por certo, por aquí cando unha persoa espirra dicimos: ” Espirran as cabras, cheiran os castróns ” ou ” Espirran as cabras, ventan nortada “. Non sei a orixe destas frases humorísticas pero semella que as cabras valen para todo xa que no traballo chámanlle ” pericas ” ás carretillas e ” pericas ” son … cabras.

Enfin: a mal tempo boa cabra , digooo, boa cara.

Labels: , ,

Saturday, November 17, 2007

Magosto e pincha

Aproveitamos este novembro seco de máis para ir ó monte e asar chourizos e castañas en boa compaña. E despóis da sobremesa houbo unha partida de pincha, nome polo que se coñece a billarda por esta zona. Este xogo ten varios nomes como cachiza pola zona de Tomiño, escanícula en Redondela, lipe en Marín, etc, etc. Só faltou no magosto enfarruscar a cara coas cinsas da fogueira. Quedará para o ano que vén…

Labels: ,

Thursday, November 15, 2007

Cruzándonos no camiño


Hai veces que cando vou xantar me cruzo no camiño cunha rapaza que conduce un coche coa pegatina de ” Naipelo a bordo ” en catalán. Saudámonos coa man pero a próxima vez vou dar un paso adiante e mandarlle un bico polo aire. Por riquiña.

Labels: ,

Tuesday, November 13, 2007

Obelix no choio


No choio hai un camioneiro que semella ser Obelix. É grande e forte e gasta bigote. Aguanta o frío e levanta os sacos cun suspiro. Gústalle falar e fai comparacións simpáticas como chamarlle gharroucha ó camión ( gharroucha é unha especie de guindastre de obra para levantar pedras ). O tal home non caiu de pequeno dentro dunha marmita de poción máxica senón que deixou de fumar e de ser un asubío con bigote pasou a ser un Obelix que aguanta o frío destes días.

Mañá voltarei velo e imaxinarei que estou nunha aldea gala, os romanos seguirán estando tolos e eu seguirei sendo amigo de Obelix… Por sorte para min.

Labels: ,

Sunday, November 11, 2007

San Martiño

” Polo San Martiño, mata o porco e proba o viño “. Non se matou o porco pero si se probou o viño e está bo, bastante bo. Tamén comín castañas cocidas con néboda e están máis ricas ca con fiuncho. E tamén comín castañas asadas.
Vamos, que case só faltou botar a bailar o pión para ter o San Martiño completo.

Labels:

Wednesday, November 07, 2007

Papapapapapa

O Leo xa leva algúns días dicindo ” mamamama ” cando mira a Ana pero hoxe sorprendeume cando entrei pola porta da casa e agatañou cara a min dicindo ” papapapapapa “.

Non sei que dicir. Gustoume.

Labels:

Tuesday, November 06, 2007

San Cucao

Sempre aparecen misterios que non son doados de aclarar como esta escaleira nun penedo de Arbo que non se sabe de onde vén e a onde vai.

Outros misterios teñen explicación. Só hai que buscarlla. Como o misterio dos camións asturianos de San Cucao. Eu pensaba: San Cucao, San Cucao, quen é San Cucao ?. Pois parei a averigualo e souben que era san Cucufate pero en asturianu. En catalán ten un nome bastante coñecido: san Cugat. Pero en galego ten un nome que nin soa a galego: Covade ou Cobad. E non estou inventando nada que sae na wikipedia. O que pasou ese home foi muitas torturas pero saía ben delas e ó final tiveron que cortarlle o gañote. Este santo é bo para topar cousas perdidas.

Labels:

Monday, November 05, 2007

Uito

Uito é como lle chaman ó oito pola zona de Arbo e vén a conto porque queren que fale sobre oito cousas tres blogueiros: Oko, Pau e Rosa Enríquez. E haberá que lles facer caso porque senón chegan a ser oito os blogueiros que me invitan a facer o meme.

Eu non sabía de que oito cousas podía falar e matinando, matinando; podo falar dos oito países que me gustaría visitar e polo que. Podería falar de oito odios, oito quereres, oito animais, oito libros ou oito blogos pero hoxe decidinme por oito países.

De sempre me gustaron os mapas e a xeografía e cando me regalaron o atlas da foto durmía co el debaixo da almofada. Gustábame e gústame viaxar coa imaxinación e un mapa para min é un mundo para descubrir. Medrei e foron mudando os meus gustos e fun coñecendo algo do mundo que me rodea pero aínda quedan oito países que me gustaría visitar.

1 . Australia: sempre me chamou a atención pola súa fauna e os aborixes australianos. Tamén porque son parte das nosas antípodas.

2 . Rusia: a súa grandeza e diversidade de paisaxes e xentes é un imán para min. Facer a rota transiberiana non ten prezo.

3 . Xapón: é un país relativamente pequeno pero cheo de personalidade e os xaponeses que coñecín son mui agradables. Ata hai xente como masashi: un xaponés con alma galega !.

4 .O Cono Sur: xa sei que non é un país pero Arxentina e Chile serían imprescindibles para visitar e disfrutar. A illa Chiloé téñoa idealizada coma unha irmá de Galicia.

5 .Canadá: outro país grande que quixera percorrer nas súas grandes extensións despoboadas.

6 .Grecia: este pode considerarse o país máis asequible pola proximidade. O que me chama deste país é o seu mar e a súa historia que é a precursora de gran parte da nosa cultura.

7 .Brasil: outro país grande con paisaxes irrepetibles que fan del un mundo variado e vivo.

8 .Costa Rica: temos unha amiga que fala del marabillas e cun falar que é de conto. O que di e o que sei do país ( que non ten exército ) fan del un paraíso para o meu entender.

Xa sei que hai máis países e que quedan atrás pero a escolla é difícil e algúns tiñan que quedar relegados.

E pásolle o relevo a paidovento, Manolo Busto, a Mr. Tichborne, Nébeda, Peke, Mer, la abuela Cris e Vanessa de Santiso.

Xa sabedes: hai que escribir de oito cousas, as que queirades; e logo embarcar a oito ” vítimas ” para que falen sobre outras oito.

PD: Tamén a Rifenha me embarcaba no meme.

PD 2: E xurxocimadevila atacaba.

Labels:

Saturday, November 03, 2007

Os calacús mandan

Hoxe os rapaces tallaron calacús. As sementes foron para unha bulsa e quedaron para ser prantadas alá por abril e así os calacús nacen no próximo outono. Catro mulleres levaron o rei Calacú ata o concello nunha padiola e viñeron de volta coa música dunha charanga. Tamén houbo castañas e viño e a organización pensa facer un concurso de espantallos no mes de maio que sería o primeiro de Galicia.

Enfin, que isto segue adiante.

Labels: ,

Friday, November 02, 2007

Lembranza da aldea

Onte visitei terras da miña infancia nas vacacións. Tras esa porta durmía eu co meu irmán nunha cama cun colchón de lá que se afundía. O chan de madeira renxía por nada e o aire e ruidos corrían polo teito e o tellado. O sol entraba polo cristal de mañá e o bruar das vacas e o ornear do burro daban os bos días. Fóra estaba a zofaina para lavar a cara polas mañás e embaixo estaba a corte das vacas onde se ” obraba ” ( facer as necesidades ) e logo iamos á cociña a almorzar leite recén munxido.

Con poucas cousas e aire limpo eramos felices e pasabamos o tempo. Agora imaxinar en repetir isto mete preguiza e reparo pero de pequeno era unha aventura que quedou marcada a ferro para sempre.

Labels: , ,

outubro2007

Wednesday, October 31, 2007

Noite dos calacús

Esta noite é o Halloween nos EEUU do que falei hai tempo. Por Galicia seica hai anos os rapaces tallaban cabazas ou calacús ou rabaquetas ou cocos ou como queira que lle chamasen na súa zona. Espetábanlle paus facendo de dentes e púñanlles unha candea acesa dentro. Colocábanas logo en camiños ou muros para asustar ós veciños. Tamén había sitios onde pedían esmola para os mortos.
Todo iso desapareceu e agora fan unha copia do Halloween norteamericano con disfraces e nenos pedindo polas portas co seu ” truco o trato ” que soa a mala tradución.
Os tempos mudan, seica.
Pois nada, que esta noite che vaia ben no estilo norteamericano ou no galego.

Labels: ,

Monday, October 29, 2007

Cambio de hora

É triste que ás sete da tarde sexa noite, que a tardiña desapareza comida pola noitiña e engulidas ámbalas dúas pola noite negra coma fariña do demo…

Pero está ben beber unha auga sá de balneario portugués esmorecente e pasear polo seu xardín decaente e dalí ir apañar castañas…

Porque o outono tamén ten cousas boas.

Labels:

Saturday, October 27, 2007

Trece meses

Hoxe o Leíño fai os trece meses de vida. Aínda non fala e adica días a distintas cantinelas. Hai dúas semanas dicía ” coricó ” sempre. A semana pasada estaba ” gogui, gogui ” e agora está cambiando de palabra. Camiña agarrado dunha man e o outro día quedou dous segundos de pé sen apoiarse mirando unha flor. Calquera día destes bótase a andar. En canto á dentición dicir que segue cos seus sete magníficos pero que andan dando a tabarra os outros. Come ben e aínda chupa teta. Leva uns días repugnantiño para comer pero é por mor dos dentes. Tamén durmía ben el só no seu cuarto pero hai veces que a dor dos dentes é grande e chora desconsolado.

E deixo aquí unha minipelícula dun protagonista tamén chamado Leo.

Labels:

Thursday, October 25, 2007

Orzowei


Hai un compañeiro na Torredocamiño que lle chamamos Orzowei. Cando era novo dicía que cazaba parrulos ó vó nas gándaras veciñas. Eu xa o mirei cun cazapo agarrado polas orellas e sentado na carretilla que atrapou á carreira, disque. Tamén di que chega nun cuarto de hora camiñando da súa casa ó choio e son uns dous quilómetros de distancia.

Gústanme as cousas que conta que supoño esaxeradas e hoxe fíxome rir cando falaba dunha cousa que lle contou a un encargado xa xubilado. Díxolle que había un traballador que dicía que a muller do encargado era unha ” tamanqueira ” e que dicía que o encargado non valía para nada, que era un ” obstácOlo “.

Enfin, miudezas da cotiandade.

Labels: ,

Wednesday, October 24, 2007

Graciñas e unha fada

Quería dar as gracias a todos polos comentarios e especialmente a unha fada que adica contos ó Leíño… e nada millor que subir unha foto dunha fada real porque as fadas existen.

Graciñas.

Labels:

Monday, October 22, 2007

Ignorancia con cartos

Cos cartos pódense conseguir muitas cousas e poder pero a cultura non vén automáticamente cos cartos.

Un exemplo de marulán pode ser o dono desta casa de boa feitura e que valeu os seus cartiños que foi cagala cando puxo o escudo do revés…E aínda andará todo gabacho mostrando o escudo !.

Labels:

Sunday, October 21, 2007

Casa da auga de Vide

Onte fixo calor e houbo xente que foi á praia. Non estaba ” abarrotada ” como dicía o FarodeVigo pero algunha xente si que había…e bañándose e todo.
E hoxe puiden visitar a Casa da Auga en Vide, As Neves. É un museu instalado na casa rectoral onde hai paneis con fotos e obxectos que explican a relación que teñen na zona coa auga. Falan tanto do regadío coma de muiños pero o que máis tratan é sobre a pesca da lamprea dende os pescos construidos para ese propósito.
Na foto de abaixo vese xente con corozas pescando meixóns. Non puiden evitar facer a foto desta imaxe que semella un retrato de aborixens norteamericanos e non xente veciña de hai menos de cen anos.

Labels:

Thursday, October 18, 2007

Tenda antiga


Nos paseos polo centro de Vilaguindastre ( que agora semella a rúa do Príncipe de Vigo cun violinista e todo o outro día ) paso por diante desta tenda antiga que apenas ten clientes. O dono está casado cunha cornuallesa. No escaparate hai unha colección de licores con carteis de hai vinte e trinta anos. Dáme mágoa non coñecer máis desa familia que pode dar para máis dun conto.

Labels:

Monday, October 15, 2007

Soñando co traballo

Segundo parece espertei falando do traballo. Resulta que traballo ata durmindo e o pior de todo é que non me pagan ese tempo.
Para rematar canso igual e non cobrar prefería soñar que xogaba con Leíño a pillar.

video

Labels: ,

Sunday, October 14, 2007

Voda II

Onte tivemos un acontecimento onde se empapela o veículo dos protagonistas.

Que o futuro lles sexa propicio.

Labels:

Friday, October 12, 2007

Día das comunidades indíxenas

Hoxe celébrase o día da hispanidade ou da raza en España e sudamérica como ben reflexa a foto. Tamén eu falei deste día hai dous anos.

Enfin, polo menos fixo sol para pasear e xantei pulpo á feira que non sei se será considerado mui español que digamos.

PD: interesantes fotos en Guatemala.

Labels:

Thursday, October 11, 2007

Algunhas palabriñas aprendidas no traballo

Xa sei que é case pecado falar de traballo ás portas dunha fin de semana longa pero teño que referirme a el para anotar unhas palabras antes de que as esqueza. Xa hai un tempiño descubrín aos carretilleiros falando dunhas bateas pero estamos algo lonxe do mar para que falen desas da foto así que preguntei e descubrín que lle chaman así aos palés onde van os sacos. Tamén descubrín onte mesmo a expresión de ” estar na coca ” que a oín dicir referida a un home que esperaba a que estivese a punto de dar o premio a máquina tragacartos do bar para botar el a moeda e gañar o premio. ” Estar na coca ” viría a ser ” estar á espreita ” ou algo semellante. Non sei a orixe que pode ter pero non creo que teña que ver nada coa droga. Aparte tamén aprendín como lle chaman aos coches sen carné pola zona de Tui. Teñen o nome humorístico de ” pinico “. Eu xa sabía o nome de ” lavadora ” empregado por terras de Suso Lista pero chamarlle ouriñal paréceme máis simpático.

E agora xa non falo máis do traballo. Desfrutai destes días.

Labels: ,

Tuesday, October 09, 2007

Sorriso para a cámara e a canción de Don Gato

O Leo ri cando lle facemos unha foto con flash. É mirar a luceciña que avisa do flash e pon a cara da foto. Tamén ten muita curiosidade por todo e aquí sae tratando de adiviñar por que dá voltas a roupa dentro da lavadora.
Tamén lle gusta que lle canten e de exemplo poño a versión da avoaM da canción ” del señor don Gato “, unha canción con máis de cen anos que parece que ten que ver con algún rei. Esta canción está extendida por toda sudamérica e a península ibérica. Aí a vai:

- ” Estaba el señor don Gato sentadito en su tejado marramiau, miau, miau…sentadito en su tejado.

Y ha llegado la noticia que había de ser casado marramiau, miau, miau…con una gatita parda que quería los hijos pardos marramiau, miau, miau…y quería los hijos pardos.

Y el gato con la alegría cayó del tejado abajo marramiau, miau, miau…cayó del tejado abajo.

Rompió las siete costillas y la puntita del rabo marramiau, miau, miau…y la puntita del rabo.

Lo llevaron a enterrare a la plaza del pescado marramiau, miau, miau…a la plaza del pescado.

Los gatos iban cantando y los ratones saltando. Siete vidas tiene un gato marramiau, miau, miau…siete vidas tiene un gato.

E isto é o que hai por hoxe.

Labels: ,

Sunday, October 07, 2007

Inés negra, conto para Leo e os animais de dous en dous, ua, ua

Xa me daba na espiña que detrás desta estatua en Melgaço tiña que haber unha historia e descubrina case de casualidade: a lenda de Inés Negra.

Tamén gracias á interrede rin co conto do chinés de Nova York que falaba galego; o Leíño desfrutou cun conto escrito por unha fada branca e adicado a el especialmente e tamén o Leo demostrou unhas dotes para a música das que carece o pai e tamborilou cun dediño unha versión fermosa de ” Os animais de dous en dous…uah, uah “.

E logo hai xente que me pregunta que lle topo á interrede.

Labels:

Friday, October 05, 2007

Album de outono

Se clicas no ” sign this guestbook ” podes engadir unha foto a este album.

Quero facer un album con fotos do outono anque podes subir a foto que queiras.

Graciñas.

Labels:

Wednesday, October 03, 2007

O encargado optimista

Hoxe descubrín que xa levaron a carretilla da vía do tren. Hai anos viña materia prima á fábrica en vagóns e a carretilla da foto era a encargada de remolcar os vagóns. O traballo foi a menos e a carretilla levaba cinco anos sen utilizarse… cinco anos !. Hai uns meses estaba co encargado que eu considero unha das persoas máis optimistas do mundo e apareceron uns homes para revisar a carretilla. Eu pregunteille ó encargado que facían eses homes e el dixo que ían levar a carretilla. Eu pregunteille se non ía usarse a vía nunca máis e el díxome: - Non, DE MOMENTO, non…Para min iso é optimismo.

Labels:

Monday, October 01, 2007

O Barqueiriño

Para rematar co tema da vendima vou falar do Barqueiriño. O outro día estaba a vendimar e oín uns berros por un camiño. Preguntei ó avóM quen era e díxome: Boh, ese é o maluco do Barqueiriño. O tal home terá uns sesenta anos, ten melea alborotada coma un león, uns ollos claros como auga, dentes ben conservados para a mala vida que leva, un vozarrón profundo e riso tolo e unhas mans coma gadoupas. Conduce un tractor pequeno coma un tolo de pé e berrando. Dorme nunha casiña en permanente construción, cando non dorme polas veigas adiante. Tamén ten un can e un cabalo cun chocallo para intentar asustar ó porco bravo que lle entra nas veigas de millo…Vamos, que é unha personaxe. E eu quería saber máis del. Preguntei a que se adicaba e díxome o avóM que tamén era o millor videirista da contorna. E explicoume. Cando as viñas agroman o Barqueiriño xa as ten percorridas todas e cun saber case bruxo sabe cal será forte e cal non o será. El ” ficha ” os gromos, cando medran córtaos e plántaos para que enraícen en viveiros como o da foto, cúidaos con mimo e logo vende os bacelos cando teñen medio metro ou así. Enxértaos e eses non fallan, van arriba.

Por iso que o Barqueiriño será un maluco pero fai do oficio de videirista unha arte e unha forma de vivir totalmente integrada coa natureza.

Labels: , ,

setembro2007

Sunday, September 30, 2007

O tempo ” dorme “

Onte sábado por fin rematamos a operación vendima 2007. Empezou mal o asunto cando na finca do Couto topamos a ” pegada ” dos cabalos do monte. Había bostas e comeran bastantes uvas. Outro problema que viamos era o tempo. O ceo estaba pechado de nubes e o avóM dixo algo que nunca oíra. Algo bonito e ata poético. Dixo que o tempo dormía. E mesmo parecía de tan negro pero tranquilo e silandeiro que estaba o ceo. E tivemos sorte que o tempo durmiu ata que rematamos a vendima coas últimas uvas de treixadura. No camiño para Vilaguindastre o tempo espertou… e de que maneira !.

Labels: , ,

Thursday, September 27, 2007

Primeiro aniversario do Leo

Hoxe o Leo está de primeiro aniversario. Na foto sae o naipelo coa boca larafuzada de chocolate do seu pastel de cumpreanos. Quedou abraiado vendo a candea acesa e non sabía que tiña que soprar pero aplaudiu cando aplaudimos todos. Logo meteu os dedos na torta e colleu os monecos que a adornaban. Foi para o chan e adicouse a percorrer todo agatañando a velocidade do demo. Ponse de pé e foza con todo e encántanlle as luces e farolas da rúa e adícalles sorrisos e balbuceos. Aínda non di palabras e, como muito, sáenlle diálogos estilo pelacho. O outro día estaba Ana dicíndolle ” Micky ” por un debuxo no gorro e Leo dicía ” iki ” e Ana repetía ” No: Micky ” e o Leíño porfiaba ” kiki ” e Ana outra volta con ” Micky “. O Leo fartouse e respondeu: ” TETA “.

Parece mentira pero xa pasou un ano dende aquel día do necoriño, e logo un mes, e dous, e tres, e catro, e cinco, e seis, e sete, e oito, e nove, e dez, e once e así ata o día de hoxe…E que haxa máis.

E iso é todo por hoxe. Graciñas de corazón ós que felicitaron a Leo.

Labels:

Wednesday, September 26, 2007

Suba de prezos por mor do biodiesel

Na fábrica hai muito traballo estes días porque vai subir o prezo do pienso. Esta suba ten que ver coa suba do prezo das materias primas que agora se empregan para facer biodiesel. Din que o biodiesel é máis ecolóxico pero xa saíron estudos que din que non. Aparte diso seméllame triste utilizar tantas prantas para facer combustible e que queden animais e a humanidade en xeral sen comer. O futuro traerá o peche de fábricas de pienso como a da foto e tamén o de muitas panaderías. O peche das panaderías dáme mágoa porque co elas desaparecen as repartidoras de pan que deben de arrecender a pan recén feito.

Enfin, o futuro dirá.

Labels: