Arquivo de 'Sen clasificar'

xullo2008

23 agosto 2008

Thursday, July 31, 2008

Canastro abafado

 

Onte o Leo aprendeu a dicir ” can ” e tivemos un susto porque case máis nos atropellan nun paso de peóns. Este susto foi máis grande que o que levei cando mirei este canastro abafado en Vilaguindastre; anque tamén lle chegou ben.

Labels: , ,

Wednesday, July 30, 2008

Foto de documental

 

Sempre me gustaron os documentais de animais e lembro as imaxes de búfalos africanos con paxaros ás costas eliminándolles parásitos. Pero non foi ata o ano pasado que puiden facer esta foto de ovellas deitadas aproveitando a sombra e unhas pegas por riba delas limpándolles os parásitos. E é que hai veces que non se ten que ir lonxe para ver imaxes curiosas.

Labels:

Monday, July 28, 2008

Festa da prehistoria en Mos

 

Unha das idades do home máis admirada é a da nosa prehistoria. Quen non soñou con andar con taparrabos por ese mundo adiante e tirar pedras ?. Pois en Mos levan varios anos organizando unha festa da prehistoria no segundo fin de semana de agosto. Así que xa sabes; xunta uns colegas e xa podedes formar unha tribu para participar nesta festa onde creo que se pasa mui ben polo vídeo que mirei do ano pasado. Ademáis este ano hai un concurso de curtas coa prehistoria como temática principal. Aviso un pouco tarde pero eu son así.

Hala, a desfrutar !.

Labels:

Sunday, July 27, 2008

Vintedous meses

 

Hoxe o Leíño chegou aos vintedous meses con algúns avances dende o mes anterior. O naipelo xa ampliou algo máis o vocabulario e, de feito, aprende palabras case tódolos días. Gústalle o petit de chocolate e xa pregunta por el dicindo ” coco “. Como non lle queremos dar muitos dicimos que non hai e el xa di ” coco ” e arrandea a cabeza negando. Dos monecos e peluches que ten hai un que é un moneco dun neno deportista e el pregunta por ” quiqui ” que se chama Quique. Logo a Epi chámalle ” pipi “. E xa vai dicindo ” mamá ” dende que o reaprendeu nas Cíes. Físicamente está grande e case lle saíron tódolos caninos. Anda ben e corre un pouco pero é un medento subindo e baixando escalóns. É bastante tranquilote e tímido e algo mangoeiro que non quere comer pola súa man.
E así vai.

Labels:

Tuesday, July 22, 2008

Eu non son do blogomillo

 

Hai tempo lin nun blogo as características que había que ter para pertencer ao blogomillo e quero saber se as cumpro.
Netiqueta pra blogomillo
É necesario. O colectivo “autóctono” enxebre e auto publicitado ven-de un exemplo do pulo na Galiza. O “colectivo” blogueiro jallejo está auto denominado como blogomillo. Espero que non todo. Como colectivo que perpetra na rede os seus feitos necesita dunhas definicións e xeitos proprios que o diferencien.

UN TI NON podes formar parte do blogomillo, o blogomillo non elixe nen é elexido polos seus integrantes. Iso fano dende fora ( e a isto digo non sei como se elixe. Creo que con ter un blogo en galego xa formas parte do blogomillo. Por este motivo eu formaría parte do blogomillo. Igual que o Nemigo. Punto a favor.)

DOUS é o número mínimo de blogueiros necesario pra ser oficialmente do “movemento” Cando te citen dúas veces xa tes colar ( será. Non sei. o blogomillo non creo que sexa un movemento. Eu creo que teño ese colar posto por máis de dúas persoas. Punto a favor.)

TRES é o número máximo de entradas que pode facer un blogueiro nun mes ( aí desentono. En abril escribín 17 posteos. Poño abril porque foi o mes anterior a esta categorización e así non puiden facer trampas. Segundo a definición do Nemigo eu non pertencería ao blogomillo.)

CATRO nunca serás do blogomillo se non participaches nalgunha xuntanza do clan ( Eu participei en dúas e xa me considera de antes membro do blogomillo.)

CINCO por el culo… ( sae un ornitorrinco ?. Punto nulo.)

SEIS nunca, nunca, endexamáis no blogomillo se fala do agro ou do mar iso non é geek ( vaia, cando falo da natureza ou de vendimas deixo de pertencer ao blogomillo.)

SETE a cidade. O blogomillo é urbanita ( No meu caso falo de vilas e aldeas e mui pouco de cidades.)

OITO a ser posible se bloguea dende madrí ou barna outras cidades do estado dan menos sona ( eu empecei escribindo dende os EEUU así que serei do máis. Agora blogueo dende unha vila así que non son blogomilleiro.)

NOVE comentarios: nen unha chistada. O dito no blogomillo é a única mentira verdadeira ( remítome a abril: 173 comentarios e restamos 8 que fixen eu e a conta resulta 165. Non son do blogomillo.)

DEZ sen argumentos. As reflexións do blogomillo teñen a profundidade dunha fochanca ( non procuro reflexionar. Non son así. Punto a favor da pertenza ao blogomillo. )

ONCE sen visión. O blogomillo ten pendente falar da actualidade e do país ( se actualidade é política, novas de periódico e deportes de masas entón engado un punto a favor da miña pertenza ao blogomillo.)

DOCE endogámico. O blogomillo é endogámico. Só sabe de porno e pra iso pouco e malo ( eu pouco navego fóra das miñas ligazóns. O porno non é o meu. Metade a favor, metade en contra. )

TRECE ERDF no blogomillo sería incesto ( non entendo este punto. Coma o cinco.)

CATORCE prescindible. O blogomillo é prescindible ( totalmente a favor. Antes non existía e viviamos igual. O mesmo pasa cos coches, coa tele, cos ordenadores, etc. Pertenzo ao blogomillo. )

QUINCE subvencionable. O blogomillo gustaría da sopa boba en san caetano ( quen non ?. Pero non creo que se dea o caso. O meu blogo non entraría neste punto.)

DEZASEIS inútil. O blogomillo non serve pra nada e nada aporta ( depende. Serve para comunicación entre xente de gustos minoritarios e a distancia que doutro xeito non se podería comunicar. )

E o resultado sería… Cinco puntos a favor, tres nulos e oito en contra; logo eu non pertenzo ao blogomillo.

Labels:

Monday, July 21, 2008

Pericas e pericos

 

Onte o Leo desfrutou mirando pastar unhas ovellas en Arbo. Despóis apareceu na conversa a palabra ” pericas ” como definición de ovellas cando eu pensaba que eran cabras. Como tiña as miñas dúbidas hoxe preguntei no choio a un compañeiro de Salceda e dixo que ” Para nós as ovellas son ovellas e as cabras son cabras. Iso si, nós dicimos pericos de cabalo ou de burra á merda dos cabalos e dos burros “. E así, sen querer, saiu unha nova palabra escatolóxica para engadir.

Labels: ,

Friday, July 18, 2008

Fotografando a calor

 

Hai conceptos abstractos que por seren iso precisamente, non teñen unha imaxe real. Nestes casos é mui difícil asignarlle unha imaxe a conceptos como gratitude, frío ou calor, por exemplo. Por iso, nestes días de calor abafante non dubidei en fotografar as fiestras da veciñanza que se abren na noitiña como se as vivendas quixeran respirar aire fresco despóis dun día de lume. Esta sería para min unha imaxe de calor abafante.

E agora, cal sería a túa ?.

Labels:

Wednesday, July 16, 2008

O maniscoto

 

Como se pode apreciar na foto o Leo non é só cocheno, zurdán, esquerdeiro e manecho; senón que tamén é maniscoto. Esta palabra aprendina en Arbo hai poucos días e aventurando a súa etimoloxía diría que vén do latín ” cautivo da man “.

Labels: ,

Monday, July 14, 2008

Cíes e a lenda do Boto

 

Onte fomos ás illas Cíes. Logo de xantar fomos camiñando ata o faro das Cíes e logo ata o faro da Porta. Na praia de Rodas corría aire así que nos bañamos na praia da Nosa Señora. A auga estaba fría como de costume. Ía connosco un familiar brasileiro e contounos a lenda do Boto, que é o golfiño do Amazonas. Di a lenda que nas noites de lúa chea transfórmase nun mozo xeitoso que baila mui ben e que é encantador. Leva un sombreiro para tapar o buraco por onde respira. Nos bailes namora as mozas e acaba por engravidalas e o Boto é o culpable dos embarazos non desexados da zona.
Gustoume a lenda e a estadía na illa.
Dende o barco de regreso víase a excavadora que está a tirar o monolito feito por Franco.

Labels: , ,

Saturday, July 12, 2008

O can suicida

 

O outro día o escritor Alfredo Conde gabou ao blogueiro Suso Lista e, de paso, nomeoume a min sen querer. Adivíñolle ao escritor curiosidade pola historia que mencionei do can suicida e vou satisfacerlla.

O asunto foi hai máis de vinte anos e no centro de Vilaguindastre e nos arredores do paso a nivel. Eu pasaba a cotío por alí na ida e volta da casa ao instituto. Nunha ocasión apareceu un can pequeno de raza indefinida que nos fuxiu da beirarrúa. Eu considerei este acto como normal nun can que ten prevención con humanos descoñecidos. Pero o curioso foi que o raio do canciño se botou a un coche que circulaba. O condutor fixo unha manobra brusca e esquivouno e así safou ese día. No día seguinte xa andaba polo medio e medio dos coches e botándose a eles con movemento alegre do rabo. Os coches esquivábano pero un camión non puido esquivalo. O raio do can quedou no medio e medio e salvouse por ser pequeno que o camión lle pasou por riba sen problemas. O público estaba abraiado e quería salvar oa can pero el marchou sen deixarse atrapar. Ao día seguinte seguiu co seu deambular entre coches sen acadar o seu propósito e, nisto, baixou a barreira do paso a nivel e o can acordou un cambio de estratexia. Cando notou que o tren pasaba botouse á vía. O can era pequeno e o tren ía rápido así que o aire que rodeaba o tren tirou co can atrás sen chegar a pillalo. Desta volta a xente estaba máis que abraiada co can e os seus intentos de suicidio.

A partir daquel día non o volvín ver máis. Eu non sabía se lle cambiara a vida e decidira non suicidarse ou se conseguira o seu desexo e rematei por case esquecer o asunto. Pasou un tempo e eu andaba de paseo entre as vías a un quilómetro do paso a nivel cando descubrín o esquelete dun can. Tiña a cabeza dun lado da vía e o corpo doutro e polo tamaño e polos restos de pelo souben que era aquel can kamikaze do paso a nivel. Ao primeiro deume tristura pero logo aledeime polo can que conseguira o seu propósito. Un canciño daquel tamaño que se enfrentaba a monstruos metálicos con tanta alegría merecía un fin cinematográfico como o que tivo. Imaxino que hai que ser mui valente para apoiar o pescozo na vía e esperar que veña o tren.

Labels: , ,

Friday, July 11, 2008

Baños de aventura

 

Hoxe no choio falamos de como nos bañabamos cando eramos rapaces. No meu caso falei do río Louro coas súas zonas de baño da Fos, o Solombo e o Peirao. A Fos e o Solombo desapareceron coa autovía e do Peirao non sei que será pero o río está contaminado. Tamén estaban as barreiras de Centeáns a uns tres quilómetros da casa que eran iso precisamente, un sitio onde sacaban barro para facer ladrillos. Iamos ata alí e metiámonos en coiro e sen medo e iso que había bechas e tartarugas. Despóis medramos e apareceron piscinas e autobuses ata a praia e deixámonos de baños aventureiros.

A foto fíxena en marzo do ano pasado e quedei abraiado do temerarios e pouco escrupulosos que eramos.

Labels: ,

Tuesday, July 08, 2008

Deixaime que eu son así

 

Hai tempo topei esta foto nun libro do fotógrafo Magar e non puiden evitar fusilala. Na foto sae un coñecido de cerca de Vilaguindastre que xa morreu. Eu coñecino con máis idade e cun carriño xa motorizado. Naceu eivado e para camiñar facíao a catro patas cuns tacos de madeira nas mans para non esfolalas. Había rapaces que lle tiñan medo pola feitura tan pouco común pero el tiña bo humor e sempre sorría e ata contaba unha anécdota que lle pasara cuns portugueses. Era noite e el volvía á súa casa no carriño pero nunha curva un coche saiu da estrada e tirouno con carro e todo a unha finca. Os portugueses que ían no coche saíron berrando e botando as mans á cabeza mirando a desfeita. Entre dous agarraron á vítima e empezaron a puxar crendo que os brazos e as pernas quedaran encollidos do accidente. Muito turraban e o home chiaba e chiaba pero non o deixaron en paz ata que berrou:- Deixaime, carallo, que eu son así !.

Labels:

Monday, July 07, 2008

Ouregho

 

Se a bisavoa Celia vivise en Italia empregaría a pranta da foto para dar sabor ás pizzas pero como vive en Arbo fai infusións de ouregho para aliviar a tos.

Labels: ,

Thursday, July 03, 2008

Mangantes

 

Hoxe o home das máquinas de bebida deixou unha porta aberta sen querer e houbo xente que arrapañou con bebidas sen pagar. A min ofrecéronme pero non quixen. Quero ter a conciencia tranquila e se teño setenta céntimos para unha cervexa por que vou mangala ?. Tivo que vir un camioneiro portugués para dicirnos que a máquina estaba aberta e que había que chamar ao home e el mesmo chamouno por teléfono.

Na foto sae un quiosco nun aeroporto norteamericano. Teñen na entrada ese estante con periódicos e revistas onde ” colles e marchas ” despóis de deixar os cartos no peto. Alá pode facerse iso pero por estas terras aínda non.

Labels:

Tuesday, July 01, 2008

Fusilando

 

Cando digo fusilar refírome a facer fotos doutras fotos que isto é outra das vantaxes das cámaras dixitais.

As últimas fotos que fusilei son do libro ” A illa de Ons, unha cultura, unha identidade ” onde saen fotos da década dos 60 feitas por un sueco que estudou antropoloxía e, despóis de estar nas illas Faroe, pasou a vivir na illa Ons. A vida fixo das súas e o sueco rematou por namorar e casar cunha moza da illa. Bueno, supoño que aquí haberá unha historia ben fermosa de amor esperando por unha película pero eu non vou facela. O que si vou facer é deixar fotos fusiladas dese libro feitas por un sueco que quixo retratar unha xente e uns costumes diferentes.



Labels: , ,

xuño2008

22 xullo 2008

Sunday, June 29, 2008

Polo san Pedro regha a medo

Sempre que vou a Arbo aprendo historias e palabras descoñecidas. Hoxe é san Pedro e saiu na conversa o dito ” Polo san Pedro regha a medo ” que significa que hai que regar con control. A bisavoa Celia empezou a falar das regas de hai máis de corenta anos. Empezaban o día de san Pedro. Existía o minuteiro, un home que levaba reloxio e controlaba os minutos de rega que lle tocaba a cada veciño. Cando chegaba o cambio de turno cun asubío pupaba e sabía o veciño que tiña que facer a tola, o desvío na levada de auga para que fose á súa veiga. E así día e noite para aproveitar o tempo e a auga. Os veciños xuntábanse a esperar e mentres falaban e contaban contos.

Bueno, historias doutros tempos.

Labels: , ,

escrito por paideleo @ 11:38 PM 9 comments

Friday, June 27, 2008

Vinteún meses

Hoxe o Leíño acadou os vinteún meses de idade e segue sen despedirse da teta. Come ben e está tolo polo pan que é a súa sobremesa favorita. Encántanlle os ” petits ” e máis se son de chocolate; larpeiro que saiu. Ten bó humor e xoga muito cos coches. Tamén lle gusta ler os contos no seu idioma extraterrestre que de cada vez semella máis chinés ca outra cousa. Non di case nada: segue con ” papá “, ” aaga “, ” aitá ” ( aí está, que di cando topa algo ), ” tatá ” ( tractor, porque está enamorado do tractor do avóM e prefíreo a calquera veículo ), ” fofó ” ( flor, que dixo un par de veces ), ” roró ” ( río, que dixo un par de veces tamén ) e pouco máis. O resto son ruidos e dixo a señora do banco que os nenos intelixentes tardan máis en falar. E non sei se é verdade ou quere que metamos máis cartos no banco. Gústalle pasear e saudar á xente e mandar bicos polo aire coa man. Sorrille ás mulleres e aos nenos e bótalle broncas a Colín, un defecto que colleu imitándome. Segue coas rabechas cando non se lle cumpre o gusto pero é fácil de distraer.

Nada, que cada día avanza un pouco a base de imitar como cando molla un dedo para pasar unha páxina. Pero o simpático é que o molla despóis de pasar a páxina !.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:40 PM 19 comments

Thursday, June 26, 2008

Agarrada


Nesta foto histórica estou nunha andaina bastante inusual en min porque son pacífico anque teña os meus prontos.
A foto vén a conto porque cando hai unha situación violenta non sei como reaccionar e hoxe houbo unha agarrada no choio entre un compañeiro e o Orzowei. O Orzowei díxolle lindezas como: ” vouche dar un patadón neses dentes “, ” antes esperaba a que hubese unha revolución para matarte pero non vou esperar “, ” burra falsa “, ” voute seghir hasta o peto das ánimas “, ” vou caghar nas túas cenizas “, etc, etc. E eu e uns compañeiros quedamos calados sen dicir nada.
Estas situacións non me gustan nada e supoño que o tempo suavizará os roces. Tamén eu levei unha mallada o día da foto e non gardo ningún rancor ao meu contrincante que só sei que era de Noia.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:42 PM 7 comments

Wednesday, June 25, 2008

Neoloxismos en galego


Hai veces que un queda calado pensando unha palabra galega para definir un concepto. Muitos obxectos novos non teñen palabra galega ou non a sei. Logo hai casos nos que aparece unha palabra nova coma ” chimpín “ para denominar o motocultor.
Hai uns meses aprendín a palabra ” cauchos ” que son como lle chaman en Arbo a esta especie de zocas plásticas da foto que desprazaron as zocas de madeira.
Outro neoloxismo que emprego eu é o ” piscapisca ” que é o nome humorístico dos intermitentes dos coches e que son unha curiosidade que o Leo busca en tódolos coches.
E así vai safando o idioma.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:56 PM 13 comments

Monday, June 23, 2008

Noite de San Xoán

Eu lembro de sempre esta noite coma unha noite especial. Lembro saltar por riba do lume. Cantar en corro arredor da fogueira. Ir buscar carros e portais para levalos a outro lado ou penduralos como o portal da foto, testemuña do san Xoán do ano pasado. Nunha ocasión estaba cunha rapaza diante da súa casa e entrou unha xente a roubar o carro do pai e o pai saiu e pegou un tiro ao aire. E noutra ocasión entramos catro amigos no cemiterio de Vilaguindastre e pillounos a patrulla da policía local e chimpamos polo muro fóra pero un amigo caiu nas mans da policía e pasou a noite no cabozo do concello. Lembro saltar por riba duns folios ardendo nun balcón dunha casa de Londres porque o compañeiro do piso, galego tamén, non quería deixar de celebrar o san Xoán…

Nada, que esta noite foi especial sempre e ogallá o siga sendo anque eu xa non participe nesas lideiras.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:28 PM 10 comments

Thursday, June 19, 2008

Boa sorte


Nestes días de exames quero desexar sorte a todos.
A imaxe foi tomada en Culleredo o ano pasado.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:54 PM 8 comments

Monday, June 16, 2008

Bern Chich

A figura da foto faime lembrar a Bern Chich. Bern Chich é un home elegante, de falar pausado e ollar clarísimo. Segue un horario espartano de madrugóns e unha dieta estricta. Percorre o seu territorio unha e outra vez e ata hai pouco facíao lendo noveliñas de vaqueiros e supoño que lle gustaría semellarse a un deles. Gustaríame darlle as terras do Baixo Lour cultivadas con uva e cenorias e abeiradas por un mar rico en mariscos e con rías estreitas que non asustasen a bandas de música que cruzan en barcaza. Gustaríame.

E de tal home non poderían saír malos fillos e tíoNan é un exemplo de xenerosidade, bó humor e sempre disposto a botar unha man. A raíña Kasege ten sorte e nós tamén.

Graciñas, tíoNan, por seres como és.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:37 PM 7 comments

Saturday, June 14, 2008

Os compañeiros: a orde da pedra


O outro día en Santiago topei de casualidade a recopilación dunhas tiras cómicas de Miguelanxo Prado con guión de Tino Fernández Maceiras. Saíran publicadas na Voz de Galicia nos anos 1980 e 1981. Gustáranme daquela pola calidade de debuxo e o texto co ese humor tan de aquí e non podo facer outra cousa que pór o exemplo da imaxe para darlles a publicidade que merecen. O título é: ” Os compañeiros: a orde da pedra ” de El patito editorial.

Para quen non o saiba, eu téñolle envexa aos bós escritores pero máis aos bós debuxantes.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:21 PM 11 comments

Friday, June 13, 2008

Servicios mínimos

A folga segue e son poucos os camións que se aventuran a saír. Como en todo hai clases e clases e se tés un camión ou dous de Transportes Manolo, por exemplo; a garda civil ou a policía non te acompañan. Pero se tés un feixe de camións xa tés escolta asegurada. Esta é unha proba máis de que non vivimos nunha democracia senón nunha plutocracia.

Na Torredocaminho dedicámonos a limpar, amañar e axeitar cousas. Iso si, hoxe saíron camións con pienso animal en servicio mínimo porque se non os animais morren á fame.

O pienso non é como a herba pero seguro que lles aproveita, coitados.

Labels:

escrito por paideleo @ 12:47 AM 12 comments

Tuesday, June 10, 2008

Silencio

Silencio. Esa é a sensación que me deixa a folga de camioneiros. Paseo co Leo e a estrada está valeira coma nun domingo e a calor e o silencio dominan os sentidos. Silencio que facía falla para cazar lagartos arnais cun lazo corredizo feito dunha herbeira de avea. Agora non cazo arnais pero necesito o silencio igual para facerlles unha foto. Gústame o silencio cando rebumbia na miña cabeza.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:46 PM 14 comments

Friday, June 06, 2008

O ” He asistido “

Coñezo un mozo fillo de galego e portuguesa que podería posuir tres idiomas pero que só corta un español rimbombante de verbos compostos e palabras técnicas que non veñen a conto. Chámolle o ” He asistido ” porque un día lle preguntei que tal resultara un xantar e dixo: ” Ha sido la peor comida de empresa a la que he asistido “. Vaia, que el non vai ás comidas; el asiste. Pero foi máis simpático o outro día que lle dixen que o Leo durmía co cu para arriba pero con poucos meses durmía envurullado, encollido en si mesmo e o ” He asistido ” dixo todo gabacho: ” Ah, entonces antes dormía en posición FECAL “.

Que teñas unha boa fin de semana.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:39 PM 22 comments

Wednesday, June 04, 2008

Folga de camioneiros


Estes días anda todo o mundo alborotado na fábrica porque os camioneiros queren facer o número maior de viaxes posibles antes da folga.

Esta situación faime lembrar o camión da foto que un día non pasou a revisión e pensaba que se ía retirar. O conto foi outro: quitáronlle a matrícula e metérono contra a súa vontade na fábrica de granito e aí segue camiñando en primeira e marcha atrás carregado con bloques inmensos castigado coma un Sísifo motorizado. Só lle queda que chegue o día que non sexa quen de andar e descansar para sempre.

Quen defende os dereitos das máquinas ?.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:47 PM 12 comments

Tuesday, June 03, 2008

Cotos e óqueles


O incendio de hai dous anos en Arbo deixou á vista muitos cotos que é como chaman aos penedos por estas terras. Chamoume especialmente a atención este coto que semella unha cabeza de león para min e non só para min que o Leíño en canto mirou a foto mandou un ruxido.
E, falando do monte, estes días andan veciños comprobando o estado da traída de auga que vén do alto. Un deles caiu nun óquele ou ocle. Eu descoñecía esa palabra e tiveron que explicarme que así é como chaman aos pozos que se facían antigamente no monte para buscar auga. Na actualidade están abandoados e case cubertos por terra e así o veciño tivo unha caída sen problemas.
Enfin, dúas palabriñas máis rescatadas do galego falado para o galego virtual.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 10:59 PM 5 comments

Sunday, June 01, 2008

Agolada, vila agarimosa

Sabía eu que non ía marchar da xuntanza sen bó sabor de boca.Fomos alá con gañas de coñecer Agolada e os blogueiros que se mostrasen e enchéusenos o corpo de datos e sensacións acumulados que son difíciles de expresar. Saímos de Vilaguindastre con visos dun día soleado pero polo camiño as nubes foron a máis e ameazaron varias veces ao longo de día pero remataron respeitando a xuntanza. Na praza do concello fomos xuntándonos blogueiros mentres nos recibían con música os rapaces da Charanga da Banda e Bicos da Balouta.

Logo foi a sorpresa coa chegada de coches de época brillantes e preciosos para abraio de Leo e dalgún máis. Nese momento comezou o percorrido guíado polo cicerone Manolo Busto polas rúas dos pendellos onde explicaba a orixe das casas e pedras e relataba historias cun amor imposible de ocultar hacia Agolada. O Leíño tivo nese momento un detalle simpático cando me sinalou e dixo ” caca ” todo cheo de razón. Daí chegamos ao escenario dos pendellos onde nos fomos presentando os blogueiros un por un. Houbo algúns que son verdadeiros oradores e outros que din pouco pero atinado e outros coma min que se atrapallan diante dun micrófono e que prefiren escribir a falar. No meu nerviosismo non lembrei agradecer á xente que organizou os actos do día, xente que se nota enamorada da súa terra e que reciben aos forasteiros cos brazos abertos. Volveu haber música e desta volta sentimos o son da zanfona que nunca oiramos na nosa vida. O Leo desentendeuse do protocolo e percorreu tódalas pedras arriba e abaixo seguido de Naideleo que sen ela non podería eu desfrutar de gran parte do que se escoitou e coñeceu no día enteiro. Despóis dun viño e uns pinchos seguiu algunha presentación máis e logo tocou seguir aos gaiteiros de Bicos da Balouta que nos guiaron ata o restaurante. O Leo estaba canso e durmiu co son das gaitas e botou a maior parte do xantar dormido. No xantar houbo proxeccións de imaxes de Agolada e agasallos para todos.

Ás cinco e medio recolleunos un autobús que nos levou ao Sobreiral do Arnego pasando por terras que lembraban un pouco os EEUU. O percorrido polo Sobreiral estivo moi ben aínda que o coche do Leo tivese algúns problemas de paso. Pero entre todos puido facerse sen moita novidade. Chegados a un punto falounos Marcial sobre o sobreiral e a súa problemática e os desexos que hai de que se manteña para sempre. Rematou a camiñada e volvemos en autobús para os pendellos onde cantou Maruxa de ” Fuxan os ventos “. E foi despóis que fixemos nós unha despedida á francesa, ou sexa, sen despedirnos; de Agolada, a súa xente, os seus músicos e os blogueiros que compartiron o día connosco.

A todos graciñas de Leo e os seus polo día inesquecible e polo trato recibido.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:04 PM 19 comments

maio2008

Friday, May 30, 2008

Benvido bo tempo

Despóis duns días de chuvias e bastante frío parece que vén o bó tempo.

Esperemos que mañá en Agolada siga ese bó tempo.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:08 PM 3 comments

Wednesday, May 28, 2008

Origen del sexo humano

Buscando unha cousa que aparecerá cando non a busque apareceume un texto que copiei dun libro sobre o idioma caló dos xitanos. Paso a escribir o texto que é longo e en andaluz pero que non ten desperdicio.

Origen del sexo humano ( relatado de viva voz por el cañí conocido por Paco Farándula ).

¿ No disen toítoz loz zabioz der mundo quer Toopoerozo jizo primero a Adán hombre y aluego a Eva jembra ?… Puez yo digo lo que disía un primo hermano de mi pare, que en pá escanse: que ze farta a lo pozitivo; ez disí, quen ezo hay zu mijita de intrínguliz, o lo que ez lo mezmo; que hay zu mijita de trampa, por lo que voy a contá a oztedez, que ez lo mezmito que mi tío Frazco Arcántara contó máz de sincuenta miyonez de vesez en la tabegna de Curriya la Peloncha.

Cuando Dioz jiso er mundo, jiso tamién a Adán ya Eva; pero ni el uno era macho, ni el otro era jembra; eran na máz que doz criaturaz abiertaz en caná, dezde er joyiyo der pecho hazta lo jondo de la rabaya.

Puez, zeñó, que un día eztando pazeando por Paraíso Terrená, er mezmízimo Dioz en prezona, ze le arrimaron Adán y Eva, y de ruíyas le pidieron que por cariá le diera a cá uno una abujita y un cachito de jilo pa cocerze aqueya abeltura, por onde le entraba er frío ene linviegno y er porvo y er caló en er verano.

- Oztedez no zaben lo que piden - le dijo Dioz mu zerio -. Cuando yo ya no ze loz he dao, ez porque yo me entiendo y bailo zolo; pero pa que nunca tengan oztedez que disí ná de mí, ze lo voy a dá ahora mezmo.

Y disiendo ezto, metió mano a una cartera que yevaba debajo der zobaco, y zacó de eya doz abujaz y una jebra grande de jilo, que partió en doz peazoz igualez.

- Tomar - lez dijo -; ahí tenéiz lo que zus jase farta. Aprovechá bien er jilo, poique no tengo máz que eze. ¿ Zus habéis enterao ?.

Y enzeguía dio media güerta y ze laz piró.

No jiso máz que dirze, cuando Adán dijo a Eva.

- Compañero, manoz a la obra.

Y en un zantiamén, enzartaron laz abujaz y empesaron a cocerce de arriba abajo, lo mezmo que zi eztuvieran cociendo una eztera vieja.

En ezto ocurrió una coza mu grasiosa: que como Adán era un poco bruto, echaba la puntá laiga y apretá, tó lo contrario de Eva, que tó ze le gorvía dá la puntá menuíta y floja pa no pazarze er peyejo. Y claro ez, pazó lo que poía por menoz de pazá: que a la concluzión de la coztura a Adán le zobró una cuarta de jilo y a Eva le fartó cerca de otra cuarta.

Y ayí fueron loz grandez quebrantoz pa Eva.

- Dioz mío ! - desía yorando, como una Madalena- ¿ Qué voy yo a jasé con ezte peaso de abeltura sin cocé ?.

En ezto, gorvió a pazá otra vé por ayí Zu Divina Majeztá, y enterao de lo que ocurría, le dijo:

- Tu delicaesa te ha jecho la farta; la barbariá de Adán la zobra. Por ezo, dende hoy zeráz la mujé y Adán el hombre… Con la farta de uno y la zobra del otro bien zus podéis arreglá.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:01 PM 8 comments

Tuesday, May 27, 2008

Vinte meses

Hoxe o naipelo chegou aos vinte meses. De cada vez ten máis autonomía e escolle o que quere facer e se non lle cumpres o capricho colle unha rabieta pero de momento é doado distraílo con outra cousa. Dorme bastante ben de noite e ten doce dentes e moas. Xa sobe ás cadeiras, muros e fiestras baixas e hai que ter máis ollo ca nunca. Sabe baixar un escalón sen apoiarse e xa lle dá couces ás pelotas. Baila cancións e imita movementos. Segue abraiado cos coches e xa distingue o noso e o do avóM. Tamén distingue as rodas, os espellos, as portas e os faros. Sabe sinalar no corpo o cuíño, o pipilo, o embigo, a barriga, a man, os dedos, o pé, os ollos, o pelo, a boca e o nariz. Cando lle preguntas polas orellas sinala os ollos e se lle preguntas onde están os cornos sinala para a miña cachola porque poño un casco viquingo ás veces. Imita ruidos de animais e cousas como a vaca, o león, o can, o cabalo, o coche, o tren e a moto. Gústalle ” ler ” contos na súa cantinela e que llos lean pero el de falar nada. Di ” papá ” para todo e ata o outro día cambieille o cueiro cagado e díxenlle ” caca ” e el repitiu claramente a palabra ” caca “. Máis tarde sinalei o cueiro e pregunteille que era e dixo…” papá “.
Bueno, que cada vez rimos máis co el.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:02 PM 14 comments

Saturday, May 24, 2008

Visita a Santiago

A nova importante de hoxe é o nacemento da filla de Ghanito e, dende aquí, quero desexarlles o millor para a familia.
Nós fomos a Santiago e puidemos pasear por parques das Fontiñas. Tamén puiden ir ata Librouro e Abraxas e mercar libros rapidamente porque o Leo está no momento que percorre todo e tira todo. Observei dous detalles curiosos en Santiago: o semáforo para peóns que aparte de pitar di a rúa que atravesa e que hai anuncios pegados no chan xa que os muros e postes están saturados.
Tamén visitamos o Museu Pedagóxido de Galicia e puiden admirar a evolución das escolas dende que eran escolas do ferrado ata a época franquista, pasando pola república.

Despóis de xantarmos o Leo quedou durmido e leveino no seu coche seguindo o camiño de Santiago dende As Fontiñas ata a Catedral. Fíxenlle unha foto coas Marías no paseo da Ferradura e logo fíxonos unha diante da catedral un turista inglés. Dalí seguimos camiñando e pasamos pola escaleira das Praterías e o anxo da rúa Vilar e na fonte de Cervantes había un disfrazado de Chiquilicuatre cun grupo de amigos.
E así pasou o día, desfrutando do ambiente de Santiago cos seus turistas, os estudantes e os propios habitantes.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:26 PM 13 comments

Thursday, May 22, 2008

Unha aposta

O outro día estivemos falando os compañeiros de choio sobre Eurovisión e o Chiquilicuatre e, ao final, acabei apostando as cervexas dunha semana contra un compañeiro. El dicía que vai quedar entre os seis primeiros e eu digo que acabará entre os dez últimos. Ao final rematamos partindo a lista en dúas metades e o compañeiro di que quedará na metade dos primeiros e eu digo que queda na metade para abaixo da lista.

Supoño que gañarei a aposta pero se non é o caso non me importa porque ese compañeiro, enxuito coma un asubío e que me lembra un xudeu dun campo de concentración é o que millor me cai da empresa por traballador e bó compañeiro.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:47 PM 11 comments

Wednesday, May 21, 2008

Albaroque

Estou revisando fotos para ver as que non perdín o día que borrou todo o ordenador e atopei esta que cría perdida. E dirás: vaia papaxada, un anaco de árbore no alto dun edificio en construción. Pois pode ser que teñas razón e sexa unha papaxada pero hai muitos anos cando se remataba unha casa púñase no cumio unha árbore ou póla e o dono da casa convidaba a unha comida aos traballadores. Esa comida chamábase albaroque e parece que ten que ver coa palabra árbore.

Eu hai doce anos recibín o albaroque por rematar unha casa de granito pero non foi unha comida senón cartos.

Agora non sei se existe ese costume pero cando miraba esa árbore en Vilaguindastre ( agora non está ) íame a mente para o albaroque.

Se che interesa na interrede aparece un albaroque de blogueiros realizado o ano pasado.

E, falando de comidas e reunións, lembrar que só quedan dous días para apuntarse na xuntanza de blogueiros de Agolada.

Labels: , , , ,

escrito por paideleo @ 11:45 PM 9 comments

Monday, May 19, 2008

V Festival de Cans

Esta semana o Festival de Cans de curtametraxes edítase na súa quinta edición.

Máis información aquí.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:51 PM 12 comments

Saturday, May 17, 2008

Poesía e música


DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,deitada rente ó mar, ise camiño…

E aparte:

Gustoume esta poesía de Álvarez Blázquez cantada por un grupo porriñés.

E, por mediación de Eva, podo deixar unha ligazón ás Palabras Liberadas, onde len poemas diversas persoas e poden escuitarse versións musicadas de dous poemas de Xosé María Álvarez Blázquez.

Labels:

escrito por paideleo @ 9:58 PM 5 comments

Friday, May 16, 2008

Mariscos


Sempre se vai aprendendo e con vintepoucos anos aprendín que os croques e os berberechos eran a mesma cousa. Tiven que aprender en Londres xa con trintaeún anos da boca dun murciano que os caramuxos eran en español ” bígaros “. Xa aprendera antes o nome en inglés ” winkles ” porque os sábados ía ao mercado e mercaba unha libra de caramuxos escoceses: grandes e saborosos. Con eses caramuxos cocidos, unha pinta de cervexa e unha película de vaqueiros xa era o home máis feliz do mundo.
E hoxe entéirome polo concurso da primeira que admiten en español caramuxo como nome dun marisco, eu que pensaba que ” caramujo ” era en castrapio.
Estará o español invadindo o galego ?.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:47 PM 2 comments

Wednesday, May 14, 2008

Un veciño con retranca

Hoxe por fin puiden pagar o xantar da xuntanza de blogueiros en Agolada. Aproveitei un momento que non chovía e baixei co Leo. Este apuro contrarreloxio lembroume un día haberá tres semanas ou cousa así. Tamén baixara a pé e tiña que volver rápido que tiña hora no perruqueiro. Topeime cun veciño mui falador que é enliante e estivemos un bo chisco a falar. Dalí a un pouco díxenlle que tiña cita para cortar o pelo:
Eu: - Bueno, teño que marchar que teño cita no peluquero.
O veciño: - Non se pode ir muito que cobran caro. A última ves paghei des euros.
Eu: - Pois onde vou eu solo cobran nove euros.
O veciño: - Home, a min tamén me cobran nove euros pero deixo un euro de propina…
Iso é o que digo eu que é retranca.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:36 PM 8 comments

Monday, May 12, 2008

A caza do grilo


Nesta época empezan a cantar os grilos e aproveitei a circunstancia o outro día para cazar un grilo co curmán do Leo, que nunca cazara un. Fomos en silencio guiados polo cri-cri ata facer contacto visual. Cando se decatou da nosa presencia meteuse na toba que é o buraco na terra onde vive. Collín unha herbeira de avea e deixei o talo limpo. Metín a herbeira na toba e púxenme a fuchicar, a darlle voltas como se fixera cóxegas coa herbeira. Daí a pouco saiu o grilo como buscando quen o molestaba e foi o momento de collelo coa man. Metémolo nunha caixiña de cartón cun pouco de ensalada e máis tarde soltámolo.
Cando era eu pequeno tiñamos unha mitoloxía montada ao redor dos grilos. Diciamos que se tiñan dous rabos eran macho e se se levantaban as asas víase unha letra. Podía ser “P” de príncipe ou “R” de rei e cantaba millor o rei có príncipe. Tamén había grilos con tres rabos e diciamos que eran femias e chamabámoslles putas ( pero sen mala intención, era o nome sen máis ) e diciamos que comían os machos. E logo había outro animal que era máis grande có grilo e máis claro e que comía grilos e putas e chamábamoslle carniceiro. Se o topabamos xa o esmagabamos co pé.
Non sei que terán de verdade estas crenzas que tiñamos pero iso era o que pensabamos.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:38 PM 23 comments

Saturday, May 10, 2008

Publicidade enganosa

Estes días aparecen espallados aquí e acolá cartaces como o que sae na foto onde unha muller recibe con brazos abertos a quen le o texto. A imaxe da moza está ben ou mal segundo se vexa. O que me parece un engano evidente é a imaxe da torre de Catoira nunha praia. Haberá quen busque ou pregunte por unha praia con esa torre e esta imaxe non se dá polas Rías Baixas porque é unha montaxe.

Este sería un exemplo de publicidade enganosa para o meu parecer.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:51 PM 7 comments

Friday, May 09, 2008

Chapas solidarias

Enteireime o outro día dunha boa iniciativa que fai un pub de Vilaguindastre. Van facer un concurso de chapas en contra do abandono de animais domésticos. O prazo do concurso remata o día doce xa e a información e bases están aquí por se son do teu interés.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:23 PM 1 comments

Wednesday, May 07, 2008

Un rapaz con cabeza

Mentres trataba de recuperar fotos perdidas en safari fotográfico por Vilaguindastre adiante pilloume un compañeiro de choio. Este compañeiro caime ben. É un rapaz novo pero coa cabeza ben asentada e as ideas claras. Ten asumido que cobra o que cobra e non hai máis e que non hai que encapricharse por papaxadas caras que afunden a un en préstamos. Sacou o carné de conducir hai pouco e mercou un coche vello pero xeitoso e condúceo con toda calma. Encántanlle os coches antigos pero sabe que debe conformarse con posuilos só en fotos de revista. E non penses que é aburrido o rapaz. Que va !. Sabe desfrutar da vida e dicir cousas simpáticas como que a xente pouco espabilada ten menos luces ca un barco pirata.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:50 PM 8 comments

Tuesday, May 06, 2008

Xuntanza de blogueiros en Agolada

Hai case dous anos tiven a oportunidade de xantar e pasar un día de boa leria en Santiago de Compostela cun bo fato de blogueiros. Lembro a sorpresa que levei cando lle puxen cara aos blogueiros que descoñecía. Foi un día que quedará para sempre na miña memoria e quero repetir a experiencia.

E pasou o tempo e o día trintaeún de maio hai unha nova cita de blogueiros en Agolada. A excusa é perfecta para poder pórlle cara a blogueiros dos que só sei o que escriben e tamén é excusa perfecta para coñecer Agolada, derradeiro concello pontevedrés que pisei cando descargaba camións de fariña por toda Pontevedra. Lembro ver un miñato pousado nun cable de luz e pouco máis e quero ter máis lembranzas.

Veña, que se animen os blogueiros para pasar un sábado distinto nunha terra descoñecida para a maioría.

Os que queiran apuntarse só teñen que seguir os pasos dados no blogo da xuntanza.

Un saúdo e vémonos en Agolada !.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:43 PM 7 comments

Monday, May 05, 2008

Recibín outro premio


Pois recibín outro premio e, desta volta, por partida dobre pois deume a actriz Iria e a libreira hormiga. Segundo elas o meu blogo brilla especialmente e hormiga aínda especifica e di que mo dá polos relatos antropolóxicos, por ser bó pai e por visitar máis blogos de que ela.

Pois graciñas ás dúas e non paso o premio a ninguén en concreto porque a lista sería longa de máis.

Detalles coma este fan máis levadeira a perda de material do ordenador.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:25 PM 7 comments

Sunday, May 04, 2008

Pantalla negra

O día primeiro de maio o ordenador non quixo traballar e non houbo maneira. A única maneira de poñelo a andar de novo pasou polo borrado de todo o que tiña gardado e alá foron centos de fotos, dados e programas. Un desastre, vaia. Agora toca tirar para diante tomando máis precaucións.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:29 PM 14 comments

abril2008

Wednesday, April 30, 2008

Río Louro

Na imaxe está o Leo observando o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre. Non se sabe a orixe do nome do río e pode vir dun sinónimo de pedra ou da cor das augas. Eu aventuro outra opción; ao millor o nome significa río revolto que é o que significa río louro para xentes da Limia baixa. Xentes que conservan algunha delicia da lingua como a forma ningures que había muitísimo tempo que non a escuitaba en boca da xente do pobo.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:20 PM 4 comments

Tuesday, April 29, 2008

Que me pique un pollo

Hoxe mostro o premio que recibín por partida dobre. Por unha banda foi paidovento quen me deu este premio e por outra banda chegoume da man de d’Agolada. Non sei exactamente que se premia pero é un premio simpático e é benvido.

Non acostumo a premiar a ninguén en concreto e seguirei co este costume. Pero podes considerarte premiado por lerme e comentarme que é unha das razóns pola que escribo.

Labels:

escrito por paideleo @ 10:37 PM 3 comments

Sunday, April 27, 2008

Dezanove meses


Hoxe o naipelo fai os dezanove meses. Anda lixeiro e curiosea en caixóns e portas e gústalle arrastrar roupa pola casa adiante e ordear os zapatos en orde e logo metelos en sitios distintos. Segue medrando e ampliando horizontes. Xoga con coches e follexa libros e catálogos e ponse feliz con Pocoyó e Blas. Na rúa sinala a tódolos coches, motos e camións que ve. Segue probando de todo á hora de comer e vai collendo garfos e vasos pero emporcándose todo. Na cuestión da fala segue nas mesmas e non solta palabra. Iso si, fala extraterrestre el só cando xoga. Gústanlle os rapaces e está ” enamorado ” dos curmáns. Cos adultos descoñecidos vólvese tímido pero con tempo afaise a eles… E así vai.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:13 PM 13 comments

Saturday, April 26, 2008

O negociante

Esta casa de Vilaguindastre éche ben curiosa e non pola antea parabólica ou a videira de máis de seis metros de alto, non ho. Esta foto reflexa a parte posterior daquela tenda que retratei hai algún tempo. Seica o dono é un negociante que aforra en todo e traballa con ese camionciño que é unha reliquia. E aforrando e gañando e co que herdou pois hoxendía ten un bó anaco de Vilaguindastre.
Eu coñecinlle as dúas fillas e cunha coincidín no autobús que nos levaba ao CUVI. Un día falei co ela e díxome, co seu castelán con forte acento inglés, que eu tiña un cutis bonito.
Bueno, pasou o tempo e non sabía nada dela así que preguntei ao señor Google e díxome que hoxe exerce de profesora de economía. E supoño que será boa se sae ao pai porque como esteticista… como que non lle miraba eu muito futuro.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 12:02 AM 11 comments

Wednesday, April 23, 2008

Día do libro 2008

Hoxe Ana deume unha alegría porque me regalou un libro. Aniña ten deses detalles sorpresa que fan dela que sexa marabillosa.

E para celebrar o día do libro poño unha foto que fixen pola imaxe que me chocou e que ogallá estivese máis extendida. Na foto saen un grupo de cinco amigas ben noviñas que mercaron cadanseu libro no aeroporto e que se poñen a lelo mentres agardan polo avión.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:45 PM 8 comments

Tuesday, April 22, 2008

Meme de Enjut@ Mejut@


A Caperuzita encargoume un meme e vou facelo.
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?Enjut@> Eu calculo unhas dúas horas nos días laborables e máis nos festivos.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?Enjut@> Dúas.
Voz en off> De cantas redes sociais es?Enjut@> Ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?Enjut@> Eu emprego o blogo. Usei o flickr hai anos e estou tentado de abrir un fotolog. Pero creo que o blogo é o millor para min.
Voz en off>Cantas blogueiros coñeces persoalmente?Enjut@> Pois tería que facer contas porque coñezo algúns por unha xuntanza en Santiago hai case dous anos. Logo está Veloso e algún veciño. Aparte coñezo unha familia de mulleres blogueiras alá por Marín. Espero coñecer máis na xuntanza de Agolada o 31 de maio.
Voz en off> Cantas blogueiros les habitualmente?Enjut@> Eu procuro ler as ligazóns do meu blogo e algún blogo máis que apareza nos comentarios ou noutras ligazóns.

Non sei a quen mandarlle facer este meme así que quen queira que o faga.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:59 PM 8 comments

Monday, April 21, 2008

Pinocho


O outro día falei da Pinoucha que eu imaxinaba fea e cun nariz longo, supoño que polo parecido co nome de Pinocho. E falando do tal regalámoslle o libro publicado por Kalandraka a un curmán do Leo. Eu merqueino polos debuxos marabillosos que ten. Pero a historia mételle medo ao curmán do Leo polas desventuras que pasa Pinocho. Entroume a curiosidade e eu lino tamén ( a verdade é que nunca lera a historia ) e a historia de Pinocho é ben triste e non me extraña que o rapaz teña pesadelos. Nótase que foi escrito noutros tempos e non é unha historia para nenos de hoxe.
Que se lle vai facer ?; un non vai atinar sempre cos agasallos.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:55 PM 12 comments

Friday, April 18, 2008

A Pinoucha

Non sei polo que pero este tempo de chuvia faime lembrar tempos pasados e lembrei a historia da Pinoucha. No colexio corría o rumor entre os rapaces de que había unha muller que quería secuestrar nenos. Cando tocaba o pito do fin do recreo corriamos para clase e ” facer a gata ” ou faltar a clase para pasear era mui perigoso. Nunca cheguei a saber se existía esa muller e dicían que lle morreran dous fillos sendo pequenos e que toleara e que quería ter nenos na casa e por iso ía polo colexio buscando nenos que estivesen sós.

Hai uns días enteireime de que existe unha lenda parecida e supoño que terei que mandar a miña versión a Galicia encantada.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:46 PM 17 comments

Wednesday, April 16, 2008

Glamour

A orixe dunha palabra ou a súa etimoloxía segue uns camiños ben curiosos e, ás veces, simpáticos. Así o outro día descubrín a orixe da palabra glamour. Da verba grega grammata que significa letra saiu a verba inglesa grammar que é o estudo das palabras. Para a xente do vulgo a xente que dominaba a escrita era unha minoría que tiña como uns poderes máxicos. Pasaron os séculos e a pronuncia da palabra cambiou influida polo inglés de Escocia e pasou de grammar a glamour e tamén o significado foi modificándose ata chegar ao actual glamour que sería algo así como encanto especial dunha minoría privilexiada … e que hoxe, curiosamente, non se caracteriza polo bó dominio da palabra e da gramática !.

Na foto poño un exemplo de antiglamour nun cartaz de Vilaguindastre con ese ” combirte ” tan rechamante.

Labels:

escrito por paideleo @ 11:49 PM 12 comments

Monday, April 14, 2008

O arco do trono e as reghateiras de Abril


Esta fin de semana houbo chuvias intermitentes con momentos de sol. Isto en Arbo chámanlle reghateiras de Abril. Tamén houbo momentos nos que saiu o arco do trono, nome con que se conoce o arco da vella. Eu quería fotografalo pero non o dei pillado. A ver se no futuro cazo un arco do trono.
A foto que poño é da interrede.

Labels: ,

escrito por paideleo @ 11:53 PM 18 comments