xaneiro 2017

 

Tuesday, 31 January 2017

Tres caramelos

Onte volveu ao choio un compañeiro que levaba case un ano de baixa laboral por unha operación dun tumor que daba mala espiña. Eu chamábao bastantes veces e preocupábame por el e aledeime de que todo acabara volvendo ao rego.
El recompensoume hoxe con tres caramelos.
Non teño que dicir que me souberon a gloria.

Labels:

2 Comments

Links to this post

Monday, 30 January 2017

Nobel da paz na casa

Hoxe o Leo chegou todo contente a casa. Houbo votación en cada aula para escoller o compañeiro que merecería o Nobel da Paz e Leo foi o escollido pola maioría dos compañeiros.
Un aplauso por el !.

Labels:

2 Comments

Links to this post

Thursday, 26 January 2017

En Oniria

Despois dunha boa tempada traballando de noite agora traballo pola tarde. Mudan muitas cousas e agora durmo e soño e teño varios soños por noite. O mundo onírico é complexo e sen explicacións exactas do que acontece. Lembro unha noite con tres soños. Nun enchían o val de Arbo de auga por mor dun encoro e a xente mercaba monte no alto para construir a casa fóra da auga que chegaba ata as portas da primeira casa da foto. Do segundo soño non lembro nada e no terceiro eu conducía un coche por Arcade e na estrada paralela ía outro coche meu teledirixido e seguindo o mesmo camiño.
Supoño que será millor estar a soñar que non estar na vida esperta cos seus problemas.
Supoño que diso saberán muito os aborixes australianos.
Non canso de supoñer.

Labels: ,

4 Comments

Links to this post

Wednesday, 25 January 2017

Sexaxésimo sétimo mes ( e mais un día )

E o tempo sabe o seu camiño e Xela ao par del.
A nena cambia e aprende e millora en todo. De cada vez escribe e debuxa millor e razoa máis. Asómbranos con algunhas cuestións case filosóficas sobre onde estaba antes de nacer e que pasa cando un morre e ela non quere morrer e nós dicímoslle que hai que comer para non morrer e que esqueza iso que inda é mui nova.
No plano físico dicir que agora case nunca mexa na cama anque segue a durmir co cueiro posto. Saiulle un sachiño diante dos sachos de abaixo e fai graza cando lava os dentes e lava aparte ese dentiño.
Desta volta deixo dúas fotos coas súas construcións porque no mesario pasado non puxen ningunha, xa sabes: era Nadal.

Labels: ,

2 Comments

Links to this post

Sunday, 22 January 2017

Se non imos a China…

…vén China a nós. Ou polo menos parte das curiosidades chinesas.
En Vigo hai unha exposición dos guerreiros de terracota de Xian.
Os chineses fan todo ao grande e non podo imaxinar como sería un exército de 8000 soldados feitos a tamaño real e coa súa faciana e roupa distinta cada un deles. Na exposición poñen un vídeo explicando o descubrimento arqueolóxico de hai só corenta anos e tratan de explicar o traballo e o porqué deste monumento que foi un verdadeiro traballo de chineses.
Gustoume anque semelloume un pouco caro de máis.

Labels:

3 Comments

Links to this post

Thursday, 19 January 2017

Odio algúns números

O odio non é polos números negativos da temperatura cando saín do traballo anque foi cousa dura de levar traballar de noite co este frío.
O odio é polo número de chamadas que fixen para consultar un detalle co hospital Álvaro Cunqueiro. Foron vinteunha onte só dende o móbil porque non contei as feitas dende o fixo e todo para que non me colleran. Hoxe fixen algunhas máis e seguín sen resposta e rematei por ir ao hospital. Preguntei cando me ían chamar para a colonoscopia e dixeron que a lista de espera é dun ano e medio a dous por algo que antes demoraba seis meses. Fun poñer unha queixa e déronme o número trinta para esperar a ser atendido. Do vinte no que estaba cando me deron o meu tardaron unha hora e media en atender dez queixas ata chegar á miña. Non sei se valerá de algo pero quedou a miña queixa rexistrada.
Todos estes números son os que odio, e non contei os euros do aparcadoiro ou os cartos da autopista.

Labels:

3 Comments

Links to this post

Wednesday, 18 January 2017

Non entendo

Collín un almanaque dunha entidade bancaria con fermosas ilustracións. Tamén ten frases con propósitos distintos para cada mes deste ano pero chegando a agosto, mes especial para viaxes; sae unha frase que tardei en entender e non o teño nada claro. Aparece un ” dicho ” nesa frase galega que sería unha tradución á machada do español ” dítelo ” que chirría nos oídos. Mesmo o inglés ” Remember me ” nos cadra ben e sería ” Remember myself ” para ter sentido.
En fin, creo que necesitan practicar galego e inglés.

Labels:

4 Comments

Links to this post

Sunday, 15 January 2017

Pequenas vitorias

Poden e de feito cain as xigantes sequoias pero a vida dá pequenas vitorias. Un familiar sai ben dunha operación, Xela vence unha catarreira que atacaba con febres e Leo fai unha excursión a Coruña. Todo nun venres trece.
Só queda vencer ao fluoroscente da cociña pero vou conseguilo.
A foto é dun regato de augas quentes que desemboca no Pai Miño: unha pequena vitoria da natureza.

Labels: ,

3 Comments

Links to this post

Tuesday, 10 January 2017

Revisitar o pasado

Bueno, un propósito que si me gustaría acadar é o de viaxar. Fuchiquei polo Google maps e descubrín que o tempo pasa para todo. Por iso, gustaríame viaxar a Londres para volver pasealo e lembralo como era cando vivín e traballei alí hai vinte anos. Teño que facelo antes de que mude máis. Por exemplo, os dous lugares onde vivín non existen alagados pola excavadora.

Si existe o primeiro lugar onde traballei: o hotel Bluedaws.

Como tamén existe a sanduichería onde traballei.

Creo que as vacacións cain ben este ano e poderemos pegar un chimpo ata a vella London para que a coñezan os nenos.

Labels:

2 Comments

Links to this post

Sunday, 8 January 2017

Propósitos do novo ano

O outro día mirei un cartaz dun ximnasio pero tranquilos que non me anotei nel. Non teño propósitos concretos para este ano e o do ximnasio tampouco está dentro do previsto. Iso si, gustoume a frase do Alacrám Vermelho e procurarei seguila este ano e os que veñan: ” Cair está permitido. Erguer-se é obrigatorio “.

Labels:

3 Comments

Links to this post

Friday, 6 January 2017

Reis 2017

Os Reis andaban ultimamente por todas partes.

Na cabalgata de Vilaguindastre botaron muitísimos caramelos.

E na nosa casa deixaron presentes para todos.

Labels:

1 Comments

Links to this post

Wednesday, 4 January 2017

” Canta ” e outras cousas

Hoxe metémonos no medio da marabunta dos centros comerciais acugulados de xente nestas datas e fomos mirar a película ” Canta “ que non me convencía de primeiro pero que me encantou e me fixo soltar algunha bagulla e todo. Son diferentes personaxes con diferentes formas de ser e vidas distintas que están unidos polo amor á música e que entran nun concurso para gañar cartos. Teño que dicir que as imaxes e a historia son de dez e as cancións e momentos simpáticos non paran e non desentoan. Quedei co dato curioso da camisola do koala protagonista que tiña escrito Calatonia University. Haberá algún catalán no equipo de traballo ?.
Como non todo é cinema na interrede descubrín un calendario de pedra dunha igrexa galega e uns experimentos sobre a socialización do ser humano que ata provocan riso do adocenados que chegamos a ser para seguir integrados nun grupo.
E imos cara a Reis.

Labels: , ,

3 Comments

Links to this post

Tuesday, 3 January 2017

O 2017 está aquí

O ano comezou en Arbo despóis de comermos uvas en lata que non había das naturais. A bisavoa Celia non quixo uvas e deitouse antes que lle doía a cabeza. Ás doce pasadas empezou a foguetería no Barriño onde a xuventude ilumina a noite .

Na mañá seguinte fixemos unha camiñada Naideleo máis eu pola zona onde miramos a tala de piñeiros, os cabalos e touras e detalles curiosos como o do escudo heráldico que tanto deu para comentar naqueles tempos bos para os blogos.

Tamén me resultou curiosa esta figura e unha revista de pelos que protexían a dúas touras. Non sei que poderes de defensa terán !.

E hoxe fun testemuña dun caso de violencia doméstica en pleno centro de Vilaguindastre. Saiu unha muller á porta do balcón pedindo socorro, pechouse dun portazo a porta e logo por unha xanela berrou: ¡ Me están pegando !. Outra vez pecharon a ventá con forza e a xente e eu quedamos á espera do que ía acontecer. Houbo un que chamou aos municipais que estaban a un paso dalí e sorprendeume gratamente a reación do flautista que admira Xela que foi a un bar do edificio dos berros para avisar do que acontecía. Os municipais chamaron á porta pero non houbo resposta e non poden tirar a porta abaixo sen haber evidencias. Buscaron testemuñas e ofrecinme eu por se for preciso para algo.
Espero que todo quede en anécdota.

E así empeza este ano.

Labels: ,

3 Comments

Links to this post

 

Comments are closed.