agosto2008
Sunday, August 31, 2008
Padre Nuestro pequeniño
Onte lin un posteo de Sara Jess que falaba do seu avó e que recitaba o ” Padre Nuestro pequeniño “.
” Padre Nuestro pequeniño,
ghíame por bó camiño.
Alá fun, alá cheghei,
tres Marías encontrei
preghuntando por Jesús.
Jesús estaba na crus,
tamén estaba no altar
cos peciños a sangrar.
A ladiño Madalena
que llos quería limpiar.
Arretírate, Madalena;
arretírate po teu lugar,
pequeniños e grandiños
todos teño que salvar
anque teño máis pecados
ca arenas hay en la mar.
Arca cerrada
que tiene dentro
líquido de fuera,
líquido de dentro.
Alabado sea el santísimo sacramento. “
Isto fíxome lembrar escuitarllo algunhas veces á avoaM así que pedín que mo recitase como o sabe ela:
” Padre Nuestro pequeniño,
lévame por bó camiño.
Alá fun e alá cheghén,
tres Marías encontrei
preghuntando por Jesús.
Jesús estaba na cruz,
na cruz e máis no altar,
cos peciños a sangrar.
Tante, tente, Madalena,
non nos vaias maghoar
que estas son as cinco llaghas
que tenemos que pagar. “
Neste vídeo podes oílo tal e como o gravei.
Untitled .Dobre clic en Untitled.
Labels: arbo I, etnografia II, lingua III
Saturday, August 30, 2008
Falsas promesas
Cando ampliaron a ponte sobre o río Louro en Vilaguindastre tiraron coa ponte vella. O anterior goberno municipal prometeu facer un parque e reconstruir nel a ponte vella para pasear por ela e conservala pois figura no escudo de Vilaguindastre e sería un digno retiro para a ponte emblemática. Fixeron o parque pero a ponte está desmontada nun terreo diante da miña casa cuberta de silvas e de cada vez máis esquecida. Supoño que quedará aí para futuros arqueólogos que matinarán sobre que facían aquí estas pedras amoreadas.
Labels: vilaguindastre I
Thursday, August 28, 2008
Paco Atraco
O outro día mirei un personaxe veciño que había ben tempo que non miraba. O rapaz ( agora xa home ) era Paco Atraco, alcume herdado do pai que tiña un bar en aluguer cuns prezos de verdadeiro atraco. Paco Atraco saiu violento coma o pai e rematou por botalo do piso que era o refuxio da rapaciada do barrio. Paco sería violento pero era un tolo pola limpeza e estaba todo o día a fregar e limpar e tiñamos a porta aberta para todo menos para emporcar. Unha noite paseaba o can e oín os berros pedindo auxilio do Pavas, un rapaz que alcumabamos así porque de pequeno recollía as cabichas do chan e pedía as pavas aos rapaces maiores. Iso, eu oín uns berros que saían do piso de Paco Atraco. Os veciños quedaron dentro dos pisos para non saber de nada anque seguro que as mirillas botaban lume. Timbrei na porta e petei e, dalí a un pouco, abriume a porta Paco e puiden albiscar ao Pavas no salón. O Pavas estaba vermello e cos pés marcados dunha corda. Preguntei que pasara e dixéronme que estaban mirando unha peli. Nela penduraban a un home boca abaixo dun percheiro e o Pavas dixo que era doado de saír desa situación. Tal dixo e o Paco e outro rapaz ataron ao Pavas e deixárono a ver se era quen de soltarse. Intentouno e non podía e logo berraba que o soltasen e eses eran os berridos que eu escuitei.
E este é un acontecido que lembrei deste barrio onde ás veces pasan detalles curiosos como o cicho que sae dunha alcantarilla hai tres anos.
Labels: personaxes I, vilaguindastre I
Wednesday, August 27, 2008
Vintetrés meses
Pasa o tempo para todos e para o Leo tamén. Así que hoxe fai vintetrés meses e na foto sae con Quique e a ra que son os seus monecos favoritos. Quere muito a Quique e para comer temos que pórlle o babeiro a Quique tamén para que o Leo non proteste. Segue coa teta e dende que estivo maliño parece que lle colleu máis cariño. No plano físico o Leo está mui alto e anda ben e bota boas camiñadas pero correr non corre muito. Ten algo de medo a subir e baixar escaleiras. Na fala vaise soltando aos poucos e imita palabras á súa maneira. En canto á relacionarse coa xente ten algún medo aos descoñecidos e ponse ledo cos coñecidos pero é raro que dea bicos ou apertas. Gústalle mirar Pocoyó, Epi e Blas, Little People e Os Simpsons pero despóis dun rato quere xogar con coches , ler contos ou montar pezas do Mega Bloks. Gústalle que lle fagan cóxegas, xogar ao escondite e axudar nas tareas da casa. E así vai.
Labels: leo III
Tuesday, August 26, 2008
Morre a cámara
Despóis de catro anos e miles e miles de fotos, a cámara petardea de cada vez máis. Cando encendo a cámara sae a primeira foto borrosa e con esa cor violácea. Non sei canto máis durará.
Labels: curiosidades III
Sunday, August 24, 2008
Amigos e furanchos
Onte ceamos cuns amigos e hoxe xantamos con outros. Onte foi na casa deles e hoxe nun furancho. O mal tempo e a retirada súpeta e sen preguntar dos pratos de comida foron dous aspectos negativos pero a boa compaña e o cambio de aires compensou todo.
A foto é unha vista da ría de Vigo dende o furancho trucada usando picnik.
Labels: interrede II, viaxes
Friday, August 22, 2008
Refuxio de fauna
Por Vilaguindastre fanse algunhas cousas mal e unha é deixar instalar fábricas en refuxios de fauna. Se clicas na foto podes mirar a fábrica de cablerías para coches de nome ” Koala “. A foto foi tirada hoxe mesmo e non ten truco.
Non hai nada como pórlle o nome dun animal a unha fábrica para que che dean a aprobación para a súa instalación nun refuxio de fauna !.
Labels: natureza II, vilaguindastre I
Wednesday, August 20, 2008
Non me levan os pés
Labels: lingua III
Monday, August 18, 2008
Momentos simpáticos
Labels: leo III
Saturday, August 16, 2008
Leo pachuchiño
Labels: leo III
Thursday, August 14, 2008
O que pode descubrir un fixándose
Pois si, en canto miro unhas letras xa vou lelas correndo e así topo pegatinas nun coche con mensaxes profundas como esta.
Desculpai a mala calidade; a foto tireina nun garaxe e sen flash.
Labels: curiosidades III
Wednesday, August 13, 2008
Badar kablar
Labels: curiosidades III
Monday, August 11, 2008
Aluguer de tebeos
Hoxe comeza na Coruña ” Viñetas desde o Atlántico ” e fíxome lembrar os tebeos de hai muitos anos. Lembro que os tebeos eran caros, polo menos para min e outros rapaces. A solución ?: algo que hoxe pode facer sorrir: alugabamos os tebeos. Ías ao quiosco e un tebeo que valía dez pesetas podías alugalo por tres pesetas que lle entregabas ao quiosqueiro. O tebeo tiñas que entregalo na semana seguinte e entregando outras tres pesetas volvías facer a mesma operación. Normalmente lías tebeos xa pasados pero non importaba. Non tiñas tebeos en posesión pero sempre o podías cambiar por outro distinto e ías lendo que era o importante.
Quixen facer unha foto do quiosco de Vigo onde facía estas operacións hai máis de trinta anos pero xa desapareceu.
Labels: curiosidades III
Sunday, August 10, 2008
Na punta do Morrazo
Labels: etnografia II, viaxes
Thursday, August 07, 2008
Música portuguesa
Labels: traballo II
Os ghuevos de plomo
Teño un compañeiro no choio que sempre conta acontecidos reais graciosos. Vou pór un exemplo.
Unha señora tiña un problema coas súas galiñas que repinicaban nos ovos que puñan e acababan estropeando todos. Unha veciña díxolle que tiña que mercar uns ovos de chumbo e pólos no niño e así cando fose repinicalos había de doerlle no bico e non volvería facelo. Alá foi a señora á ferraxería e o dono era un marrecas, un velliño xorobeta. Foi a señora e preguntoulle: - “Ten ghuevos de plomo ?.” E o home contestou: - “Non, señora; é reuma.”
Labels: traballo II
Monday, August 04, 2008
Fábrica dos soños
Quixo facer uns cartos e foi a Rio de Janeiro. Ollaba o Cristo redentor no Pao de Acucar e soñaba con volver á súa terra e facer un Cristo redentor no xardín. Este soño dáballe azos para traballar máis e máis no mundo da construción. Pasou o tempo e o negocio da construción en Brasil permitiulle o salto para a súa terra onde construiu e construiu. Mercou un almacén á beira do mar e transformouno nun macrochalet cun xardín fermoso e chantou un Cristo redentor de máis de cinco metros ( fíxate na foto á esquerda que hai un señor curioseando ). Á súa nova posesión non puido bautizala máis que co nome ” Fábrica dos soños “.
Este é o monumento curioso na praia de Arcade.
Labels: curiosidades III, etnografia II, personaxes I
Sunday, August 03, 2008
Voltas por aí
Esta fin de semana tivemos unha visita dunhas foráneas e andamos de guías turísticos.
En Santiago demos unha volta pola carballeira de Santa Susana, probamos dóces que ofrecen pola rúa do Franco, demos unha volta pola catedral ( que ten o pórtico da Groria en restauración ), xantamos pola zona do Preguntoiro e visitamos o pazo de Fonseca onde había unha exposición adicada ao himno galego.
No domingo fomos en barco á illa de San Simón, unha visita que recomendo pola cantidade de datos curiosos que din da illa nunha visita acompañada pola illa de San Simón e San Antón. Para pedir praza no barco hai que reservala nun teléfono da páxina web da Fundación Illa de San Simón. A visita é gratuita e fermosa porque a illa é máis grande do que aparenta. Logo fomos ao castelo de Soutomaior e a Arcade onde hai un monumento do que falarei outro día.
Labels: viaxes














